A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) vén de anunciar a convocatoria dos VII Premios Mil Primaveras a proxectos de posta en valor e fomento do galego co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística.
A CTNL creou os Premios Mil Primaveras a proxectos de posta en valor e fomento do galego en 2019 para recoñecer accións, campañas, proxectos e programas que teñen como finalidade promover o uso e o prestixio da lingua. Esta iniciativa busca difundir o bo labor de promoción da lingua galega, compilar accións ou campañas que poidan servir como modelos e transmitir unha imaxe positiva do traballo de promoción do uso e prestixio da lingua.
En que consisten os Premios Mil Primaveras?
Os premios recoñecerán accións, programas, campañas, proxectos etc. que busquen a promoción do uso e do prestixio da lingua galega. Nesta sétima edición as candidaturas deben ter vixencia en 2022, 2023, 2024 ou 2025.
Os Premios Mil Primaveras non teñen dotación económica. Con eles procúrase o recoñecemento e a difusión das accións, programas ou proxectos escollidos polo xurado, a través dun acto público de entrega e coa publicación dos proxectos seleccionados no web www.milprimaveras.gal, tal e como están agora os 32 proxectos elixidos nas seis edicións anteriores.
A inscrición faise a través dun formulario dispoñible en www.milprimaveras.gal. Os proxectos deben presentarse por separado e non hai límite no número de candidaturas que pode rexistrar cada entidade ou persoa.
O prazo para inscribir proxectos estará aberto do 8 de outubro de 2025 ao 31 de xaneiro de 2026.
Edicións anteriores dos Premios Mil Primaveras
O proxecto Vitamina G, do CEIP Sagrada Familia, entre os gañadores dos Premios Mil Primaveras
O #Aquítaménsefala e o Recuncho Gamer reciben os Premios Mil Primaveras