Non decae, nin mellora, o conflito laboral que se vive no seo do Concello de Cambre. A pesar do cambio de goberno, o entendemento entre a nova rexedora popular Diana Piñeiro e os traballadores municipais segue lonxe de chegar.
A semana pasada Piñeiro entregaba en man aos traballadores unha carta na que recoñecía romper toda relación cos representantes sindicais.
Esta mañá de xoves 16, as persoas funcionarias e resto de traballadoras municipais protagonizaban unha nova concentración ás portas do Concello, esixindo unha nova Relación de Postos de Traballo para poder optar a soldos dignos.
Con todo, as traballadoras amosaron a súa sorpresa por unha nova na prensa na que a alcaldesa afirma que vai “mellorar as condicións da plantilla é unha prioridade” e que pretende facelo mediante unha “nova Relación de Postos de Traballo” que elaborará unha comisión formada polas funcionarias habilitadas e funcionarios A1 do concello, sen representación sindical.
”Con esto volve demostrar que non está
disposta a escoitar aos representantes dos traballadores, que lle estamos a propoñer hai tempo solucións a situación crítica que estamos a vivir sin ser escoitados”, denuncian os traballadores no manifesto lido esta mañá.
26 anos de loita
”A ruptura do diálogo por parte da alcaldesa só foi a constatación dalgo que xa estaba a suceder, porque con esta medida que publica na prensa demostra que nunca fumos escoitados”. E pon en contexto: “É evidente que un dos principais problemas do persoal é a RPT do 1999, de feito, nestes 26 anos houbo varios intentos de actualizala que resultaron infructuosos, entre eles un o ano 2022 que o goberno non foi quen de sacar adiante nese momento. Xa dixemos, en todas as ocasións que tivemos, que a actualización da RPT é unha necesidade, pero que non é a solución aos problemas actuais”.
As representantes das traballadoras insisten en que “o primeiro paso é reforzar o departamento de persoal, ainda que chamalo departamento é moi xeneroso, xa que actualmente basicamente sopórtase nun auxiliar. Fixemos varias propostas ao goberno que de novo non foron escoitadas. Cubrir vacantes tamén ten que ser unha prioridade”. Esixen tamén “o pago de todo o que se debe aos traballadores”, como o “pago da nomina ordinaria antes da finalizacion do mes”, o “pago do complemento de productividade en prazo”, o “pago da subida do 0,5% aprobada polo goberno do estado cos seus atrasos”, e o “pago de axudas económicas recollidas no Acordo Regulador que se deben correspondentes aos anos 2022, 2023 e 2024”.
Piden ademais que se convoce ás comisións paritaria, de produtividade, de seguridade e de Plan de Pensións, tendo en conta que unicamente está constituida a Comision Paritaria cos novos membros.
Entenden que “a RPT sería unha peza mais en todo este tremendo desastre, pero agora mesmo as prioridades deberían ser outras. Situacións críticas requiren medidas excepcionais. Nas reunións mantidas na semana pasada co PSOE, UXC e Altenartiva dos Veciños, na oposición municipal, entenderon as nosas reclamacións e mostránronnos o seu apoio”, aseguran esixindo “solucións reais Xa!”
Máis novas do conflito laboral de Cambre
Máis distancia no conflito laboral dos traballadores municipais de Cambre
Os traballadores municipais de Cambre volveron á rúa para esixir “un traballo digno”
Os traballadores municipais de Cambre ofician o enterro dos seus dereitos