A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, informou dun total de 20 solicitudes de dereitos mineiros saíron adiante no primeiro concurso aprobado en 14 anos. Do total, 18 correspóndense coa provincia da Coruña e dúas coa de Ourense. Así o destacou a titular de Economía e Industria tras participar na sesión constitutiva do Consello da Minaría de Galicia posto en marcha pola Xunta co obxectivo de que estea representada toda a cadea de valor xunto a todos os órganos da administración que teñen competencias relacionadas co desenvolvemento mineiro.
A conselleira explicou que na reunión, celebrada na sede do Consello Económico e Social de Galicia (CES), deu conta do resultado deste primeiro concurso de dereitos mineiros convocado en 14 anos, cuxa resolución se publicará nos próximos días nos boletíns oficiais. Fontes da Xunta consultadas por Europa Press, precisaron que as 18 solicitudes de permisos de investigación que se admiten na provincia da Coruña céntranse fundamentalmente na explotación de caolín e arxila nos Concellos de Vimianzo, Dumbría, Muxía e Mesía e as de Ourense no Consistorio de Toén.
Lorenzana explicou que o traballo feito en relación aos restantes dereitos que non saíron adiante “por falta de solicitudes” ou porque estas foron “rexeitadas” tamén ten “un valor” tendo en conta que a lexislación mineira permite que as cuadrículas destes dereitos mineiros sexan rexistradas e calquera promotor en calquera momento poida solicitar a concesión desa explotación. Ademais, a titular de Economía e Industria anunciou que o seu departamento está a traballar para que, unha vez resolto este primeiro concurso de dereitos caducado, o segundo concurso sexa previsiblemente en xaneiro de 2026.
SEGUNDO CONCURSO
Na súa comparecencia ante os medios, ademais, Lorenzana detallou que neste segundo concurso a Xunta compatibilizará, do mesmo xeito que no concurso xa resolto, as materias primas clásicas como pode ser o caolín e o feldespato con outras críticas, que é unha das cuestións estratéxicas nas que a Xunta traballa desde o inicio da lexislatura, como o wolframio e o litio.
Na reunión deste martes, a Xunta informou dos cambios introducidos na través da lei de medidas fiscais e admistrativas que acompañan aos orzamentos da Xunta para 2026 “a regulación dun novo plan de inspección mineira que pretende ordenar e profundar os labores de inspección mineira”, así como levar a cabo un labor de inspección na que se comprobe “como as explotacións se acomodan ou non aos proxectos iniciais”.
A conselleira sinalou que isto forma parte dunha estratexia de seguridade industrial na que a Xunta leva traballando “toda a lexislatura”. “Porque consideramos que é fundamental que este desenvolvemento industrial e mineiro que está a ter a Comunidade autónoma vaia compasado por seguridade” e a sustentabilidade e o respecto ao medio ambiente.
Ademais, preguntada polo feito de que a lei de acompañamento inclúa que o persoal de entidades colaboradoras da administración en seguridade mineira poderán realizar funcións de inspección, a conselleira subliñou que “o que está previsto” na lei é “unha reorganización das funcións de inspección” para “profundar e intensificar o labor mineiro“. “A partir de aí isto regularase nunha orde que ademais se traballará no Consello da Minaría de Galicia”, indicou. “Realizarase a función inspectora como se realiza, con normalidade, por parte de calquera órgano da administración, cos mecanismos legais que ten a administración pra facer a inspección”, dixo.