A de Jevaso é unha desas historias de “éxito empresarial” que nace ao amparo do imperio de Inditex. Creada en 1983 na Coruña, a empresa foi medrando ata ter agora mesmo máis de 2.400 traballadores nas súas fábricas de Sanón, Zaragoza, Madrid, Barcelona e Braga. Unha empresa con imaxe de éxito económico, recollida nos medios como “un xigante do téxtil galego, un exemplo de expansión e de liderado industrial”. Pero o que se adoita esquecer na prensa tradicional é que esa expansión, se está dando a costa de exprimir os dereitos laborais dos seus traballadores.
Poucas empresas hai na cidade que teña unha rotación laboral máis grande que Jevaso. Pola súa nave de Sabón pasan centos de traballadores procedentes de Empresas de Traballo Temporal cada mes, pois a meirande parte non duran nin unha semana por mor da dureza das súas condicións e dos seus subalternos.
En paralelo está o plantel de traballador@s fix@s, que vén como a súa situación económica cada vez é máis precaria, con peores condicións e menos dereitos, e que, de feito, xa están en plenas moblizacións. Este mércores 5 teñen convocada unha concentración ás 13:00h diante da sede da empresa no polígono arteixán, pero esta será só a primeira se non melloran as condicións.
Dende os sindicatos UGT e FICA, consideran necesario afondar no devir desta empresa que considera “en decadencia”. Critican que o crecemento económico do que se gaba a empresa dende que e 2021, Alberto Vázquez collía o relevo xeracional, “a empresa entrou nunha espiral de deterioración en todo o que ten que ver co trato aos seus traballadores. A xestión foi fría, autoritaria, sen empatía. En lugar de avanzar en benestar laboral, en estabilidade e en recoñecemento, Jevaso retrocedeu: hai máis presión, menos diálogo e unha perda evidente de confianza. A empresa que presume de crecer en cifras, afúndese en humanidade e respecto”, denuncian con crudeza os sindicatos.
”As reunións internas e as comunicacións convertéronse en monólogos sen resposta. As peticións formais, os correos e as dúbidas expostas polos empregados terminan case sempre no silencio ou na evasiva. Non hai transparencia nos datos que se solicitan, non se explican os criterios de formación nin se fomenta a capacitación real do persoal. A formación, cando chega, é mínima, escasa, e non responde as necesidades reais do persoal nin á evolución tecnolóxica do sector. Os traballadores apenas reciben oportunidades de aprendizaxe nin posibilidades de promoción profesional, mentres a empresa esixe cada vez máis rendemento sen ofrecer desenvolvemento nin recoñecemento. Cando se pide claridade, a dirección responde con excusas, con silencio ou con comunicados internos en ton coercitivo, onde se prohibe mesmo que os traballadores se reúnan despois da súa xornada laboral para falar entre eles. Unha política de control que asfixia calquera intento de compañeirismo ou comunicación entre iguais”.
Aumento de beneficios, redución de salarios
Os sindicatos consideran moi grave a situación. ”Mentres os beneficios empresariais aumentan, os salarios se estancan ou mesmo retroceden. En plena aprobación do novo Convenio Téxtil, que debía supoñer unha mellora para o persoal, Jevaso buscou todas as trampas posibles para facer o contrario: absorber pluses, eliminar complementos, reducir o que antes era un dereito consolidado. Onde o convenio prometía subida, a empresa atopou unha forma de rebaixar. Os traballadores, no canto de cobrar máis, cobran menos, e todo baixo o pretexto técnico de interpretacións interesadas e cálculos que ninguén explica. A antigüidade, o plus de non absentismo e outros conceptos que recoñecen o esforzo e a fidelidade dilúense dentro do Salario Mínimo Garantido, de modo que quen leva 15 anos cobran igual que quen acaba de empezar”.
A presión diaria
Outra cousa é o día a día, e a presión que os xefes intermedios teñen sobre cada empregado. “Mídese o tempo de descanso, os ritmos de traballo son cada vez máis esixentes, e a dirección parece máis preocupada pola produtividade inmediata que pola saúde e a dignidade da súa xente. A empresa que di “ser unha familia” trata aos seus traballadores coma se fosen pezas sustituibles, sometidos á constante ameaza de que sempre se pode facer máis, render máis e falar menos”.
A cousa non queda aí, sendo UGT e FICA. “Nos últimos tempos producíronse despedimentos silenciosos que afectan a compañeiros con anos de experiencia e sen motivo obxectivo. Unha política de desgaste que busca dividir, debilitar e facer calar a quen levanta a voz. O medo converteuse nunha ferramenta máis de xestión: a inseguridade como norma e a obediencia como único camiño para conservar o posto”.
Ao carón de empresas que se louban de “sustentabilidade, responsabilidade social”
O de Jevaso é un deses perfectos exemplos que vive un sector cada vez máis tramposo. A deslocalización das últimas décadas, o desamparon das precarias fábricas de produción en Asia, contraponse co discurso de “sustentabilidade, responsabilidade social e compromiso coas condicións laborais”. Inditex, Mango, Álvaro Moreno, Dimotex ou Scotta véndese como empresas respectuosas, pero traballan man a man con esas fábricas deslocalizadas onde non importa nada, e con empresas do país como Jdevaso, onde “o discurso se dilúe entre as marxes de beneficio e o silencio”. “Porque detrás de cada peza, de cada etiqueta e de cada contrato millonario, hai traballadores que viven baixo unha presión constante, con soldos que retroceden e dereitos que se evaporan”.
Para FICA e UGT, “doe aínda máis ver que Jevaso ten a Inditex xusto á beira, un referente mundial en organización, en proxección social e en imaxe corporativa. Unha empresa que, con todos os seus defectos, entendeu que o benestar do seu persoal tamén forma parte do seu éxito e da súa reputación. Pero Jevaso, en cambio, elixe mirar cara a outro lado. En lugar de aprender de quen ten á beira, prefire encerrarse nun modelo obsoleto, baseado na presión, o control e o desgaste da súa xente. Así é imposible crecer, imposible reter talento e, sobre todo, imposible gañarse o respecto de quen sostén a empresa día a día”.
”Jevaso é hoxe unha empresa en expansión económica, pero en declive moral. Perdeu o sentido de comunidade e respecto que a fixo crecer. Deixou de escoitar, de coidar, de recoñecer ás persoas que levantan cada día a súa produción. E mentres os números do balance crecen, a confianza, a motivación e a dignidade do seu persoal esborrállanse”, conclúe, mentres alenta aos traballadores a participar nas mobilizacións.

