Este sábado 22 de novembro ás 12:00h, as familias do CEIP Cidade Vella sairán en manifestación reivindicativa con saída dende o centro ata as portas do Concello. Xa vai tempo que levan protestando pola falta de mantemento do centro pero a falta de resposta das dúas administracións competentes provocou que decidan saír á rúa.
”O noso cole é pequeno, polo que temos que facer máis forza, e a verdade é que está moi abandonado, como outros centros da cidade, como o CEIP Prácticas, tamén en loita e do cal temos todo o apoio”, explican dende a comisión de Familiasenloita da ANPA Herrerías.
Xunta e Concello, e a casa sen barrer
Numerosas familias (máis de 50 persoas estiveron presentes na asemblea de outubro) están implicadas nesta loita que quere implicar a Xunta e ao Concello na posta a punto dun centro esfolado. Pingueiras no comedor, grietas nas terrazas, cantos vivos, luces fundidas, xanelas impracticables, cristais fendidos, entrada deteriorada… A falta de mantemento (que sería responsabilidade municipal) é evidente, pero tamén se piden cambios estruturais (cousa da Xunta), mentres unha e outra administración levan anos botando balóns fóra.
”Queremos que a Xunta non desvíe a atención. Non temos cores partidistas, queremos que as administracións fagan o que teñen que facer para construír unha escola pública digna e segura”, sinalan lembrando que nos últimos meses pasaron os tres grupos políticos municipais, pero tamén que “as familias estamos cansas de frases e titulares para gañar tempo, como “estamos niso”, “está previsto”… Queremos feitos”, porque ao fin e ao cabo, “os perxudicados son os nenos”.
Lembran que o centro é “historiva viva da nosa cidade, foi un antigo Pazo do Marqués de Camarasa e o primeiro Instituto da cidade antes do Eusebio, pero tamén é presente e futuro”.
”Seguiremos vixiantes”
Dende o grupo de familias comprométense a anunciar as melloras (relatan que o Concello xa quitou a rampa de entrada, que estaba deteriorada e esvaraba, e ten previsto construir unha nova), pero tamén a seguir denunciando as carencia do centro. E sobre todo, “imos seguir unidos e vixiantes, para que non se tiren a pelota unha administración a outra, ata que vaian facendo cousas”, aseguran.
Preparando a mobilización, en familia
Onte martes, quedaron no centro para preparar a manifestación e as pancartas que van levar.
View this post on Instagram

