Seguen pasando os meses, e segue chovendo sobre os murais de Lugrís. O edificio da Rúa Olmos, e con el os tesouros que hai no seu interior, segue esfolándose a pesar da aprobación defintivia o pasado mes de outubro dos 12 Murais como BIC. Concello da Coruña e Xunta de Galicia seguen sen tomar medidas concretas para salvagardar estas xoias.
Así o denuncia hoxe o BNG, que denuncia o “descoido da Xunta dos seus deberes de conservación”, e que “tampouco dá impulso ao mandato do Parlamento galego para a compra do baixo da Rúa Olmos e a creación do Espazo Lugrís”.
A deputada do BNG Mercedes Queixas levou á Comisión de Educación e Cultura do Parlamento galego a situación de risco en que se achan o conxunto muralístico. “A declaración da obra como BIC era fundamental, pero insuficiente se a Xunta non actuar con urxencia na conservación dos murais. E da resposta dada polo director xeral infírese que non o está a facer e iso é gravísimo”, afirma Queixas.
“Está claro -así o evidenciou o director xeral- que desde o pasado mes de xuño, en que a Xunta convocou unha reunión co Concello e a Deputación, o Goberno galego non volveu dar ningún paso nin a respecto da conversación dos murais nin no que atinxe as negociacións coa propiedade do edificio, actualmente en obras de rehabilitación, para a compra do baixo”, resalta Queixas, que alerta do impacto que teñen as chuvias e os temporais no conxunto.
A retranca social
En clave de retranca, as Asociacións O Mural e In Nave Civitas, que tanto levan loitando porque este legado se coide, se rehabilite e se manteña no lugar para o que foi concebido, lanzan un comunicado singular, sinalan que “este ano non organizarán actividades ante o interés do Concello de organizar o evento”.
As nosas administracións con todo o seu poder orzamentario, publicitario e cultural asumiron dilixentemente a tarefa de defender a obra e promover a figura de Urbano Lugrís González, o pintor do mar”, lanzan en clave humorística. “As numerosas iniciativas que o goberno de Inés Rey e o seu concelleiro de cultura adoptaron durante este ano arredor da figura de Urbano Lugrís; a activa participación (non só financieira) da Xunta neses eventos municipais; a anunciada inauguración para o 15 de xaneiro da “Casa do Vello Mariño”, o agardado Museo Lugrís, na rúa Olmos da Coruña; lévannos a desconvocar a popular homenaxe que nas dúas últimas decadas armamos arredor da figura do artista coruñés”, redactan ofrecendo tamén ideas para facer un programa real e verdadeiro arredor dos murais e do artista.
Máis novas
As doce obras dos murais de Lugrís na rúa Olmos, declaradas definitivamente BIC
O Mural denuncia que unha fiestra aberta aumenta os riscos do frescos de Lugrís nos Olmos

