Traballadores e traballadoras do transporte de viaxeiros por estrada na provincia da Coruña acordaron, en votación celebrada este mércores, mostrar o seu rexeitamento, de maneira maioritaria, ao preacordo subscrito coa patronal.
Foi tras as asembleas celebradas na xornada anterior por parte dos sindicatos UXT e CCOO, asinantes do citado preacordo, e da CIG, que non o subscribiu ao entender que os avances eran “mínimos” en materia salarial e laboral.
Despois de informar o persoal nas citadas asembleas, este mércores celebráronse as votacións, de 10.00 a 20.00 horas, nas estacións da Coruña, Ferrol, Santiago e Carballo con ampla participación, segundo fontes sindicais.
Finalmente, maioritariamente os traballadores expresaron o seu “rexeitamento rotundo” ao preacordo. En concreto, en contra do mesmo foron 831; a favor 336, con 20 votos en branco e outros 14 nulos.
O representante de CIG-Transportes, Ernesto López, indicou que estes resultados se trasladarán ao Consello Galego de Relacións Laborais de face á mediación e para proseguir coas negociacións coa patronal co obxectivo de lograr un convenio “digno” que inclúa melloras laborais e salariais.
O dirixente sindical expuxo de prazo, para lograr un acordo entre as partes, ata o luns e engadiu que, de non lograrse, entón retomaranse “as mobilizacións”, en referencia ao anuncio de folga indefinida, que se pospuxo polas reunións coa parte empresarial.
Pola súa banda, desde UXT aludiron ao “rexeitamento rotundo” do persoal e aseguraron que respectan o mandato expresado coa intención agora de analizar os resultados para definir as actuacións que deben guiar a acción sindical. Todo iso coa intención de “defender as condicións laborais” de traballadores e traballadoras.
As votacións
As votacións desenvolvéronse de 10h a 20h nas estacións e os resultados por urnas foron os seguintes:
- A Coruña: 303 non, 124 si, 7 brancos e 3 nulos.
- Santiago de Compostela: 298 non, 171 si, 7 brancos e 6 nulos.
- Ferrol: 148 non, 33 si, 5 brancos, 5 nulos.
- Carballo: 82 non, 8 si, 1 branco.
- Total: 831 non, 336 si, 20 brancos e 14 nulos

