A folga de transportes de viaxeiros por estrada da provincia da Coruña retomarase o vindeiro mércores, con carácter indefinido, no caso de non alcanzar un acordo na reunión prevista este luns entre os sindicatos e a patronal. Así o confirmou o portavoz da CIG, Inácio Pavón, quen indicou que nas asembleas celebradas este venres na Coruña, Ferrol e Santiago participaron máis de 400 traballadores.
Todo iso despois de que o pasado mércores o persoal do transporte de viaxeiros por estrada na provincia da Coruña acordase amosar o seu rexeitamento, de maneira maioritaria, ao preacordo subscrito coa patronal. Unha reacción que chegou tras a firma do preacordo por parte dos sindicatos UGT e CC.OO. Pola súa banda, a CIG, non o subscribiu ao entender que os avances eran “mínimos” en materia salarial e laboral.
Nunha nota de presa, a CIG apelou a “recompor a unidade sindical na defensa dunhas condicións laborais e salariais decentes” para o sector. Así mesmo, indicou que “resulta evidente” que ao persoal “non lle valen as propostas que hai enriba da mesa por insuficientes, recortar dereitos e obviar o colectivo de acompañantes”. Tamén, o sindicato lamentou tanto o papel do Consello Galego de Relacións Laborais como, o da Xunta por “permanecer ausente desde o inicio do conflito”, cando “debería estar a facer as xestións necesarias para atopar unha solución”. Con todo, CIG, UGT e CC.OO. reuniranse este luns ás 13.00 horas coa patronal para tratar de chegar a un acordo e evitar así unha folga indefinida no sector.

