O Martes de Antroido e o Enterro da Sardiña pecharán este martes 17 e mércores 18 a programación municipal do entroido coruñés, que vén celebrando con diferentes actos desde o pasado 7 de febreiro. Segundo recalca o Concello herculino, o día “forte” dos festexos será o martes, coa programación concentrada no Campo da Leña e na Rúa da Torre. Alí, terán lugar os tradicionais concursos de disfraces e choqueiros, tanto na modalidade infantil como para adultos.
Apunta que haberá tamén unha actuación musical de Chekan para pechar o día e será unha xornada de portas abertas nos Museos Científicos da cidade. Como todos os anos, indica, os festexos renderán homenaxe a figuras relevantes como Canteiro, Canzobre ou Palau. Ademais, nesta ocasión os Kilomberos de Monte Alto inaugurarán unha placa. Así, o entroido herculino terminará este mércores co desfile do Enterro da Sardiña, que partirá desde o Circo de Artesáns e chegará á praia de San Amaro.

