A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña absolveu a un profesor que estaba acusado dun delito contra a liberdade sexual dun alumno menor de idade. Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (#TSXG), os maxistrados concluíron que a proba practicada durante o proceso é “insuficiente” para desvirtuar a presunción de inocencia do docente.
Na sentenza, o tribunal fai fincapé na “falta dun relato do menor” e apunta que os síntomas que presentaba o neno poderían ter outras explicacións médicas. De feito, a resolución sinala que existe unha “explicación plausible alternativa, natural e física” exposta polos facultativos que interviñeron no caso, a cal debe prevalecer en aplicación do dereito á presunción de inocencia.
Os maxistrados tamén validaron os argumentos da defensa sobre a imposibilidade de que os feitos tivesen lugar dadas as circunstancias físicas do centro educativo. “Nin o horario, nin a localización dos aseos e o deseño destes, posibilitaba crear unha oportunidade para o acusado”, subliñan na resolución, incidindo en que non se barallaron alternativas posibles nin existen opcións expostas que sosteñan a acusación.
A sala lembra que a obriga de achegar probas que xeren un convencemento sobre a existencia dos feitos corresponde á parte acusadora. Neste sentido, a sentenza aclara que non é lícito “investir a carga ou peso da proba” pretendendo que sexa o acusado quen deba demostrar que é inocente. Con todo, cabe sinalar que a resolución non é firme e as partes aínda poden interpoñer un recurso ante o TSXG.

