Os médicos comezarán un paro indefinido a partir de hoxe luns 2 de marzo en todos os centros de Saúde da Atención Primaria. Así acontece despois do cambio de postura da Xunta, que o pasado xoves decidiu dar marcha atrás e romper o principio de acordo que alcanzara con O´Mega- o sindicato maioritario entre os médicos e facultativos galegos- e que condenará aos usuarios da Sanidade pública a sufrir as consecuencias dunha folga indefinida que comezará o luns en todos os centros de Atención Primaria de Galicia.
A negociación
A do xoves foi unha reunión de 7 horas, na que se tratou de negociar un acordo que permitise a desconvocatoria do paro de médicos e facultativos de Atención Primaria e chegaron a un principio de acordo sobre o número de pacientes que podería atender un médicos durante a súa xornada laboral. A Consellería de Sanidade propuña que este número de pacientes se limitase a 35 e os representantes sindicais esixían un límite de 30, aínda que finalmente ambas partes chegaron a un acordo para fixar o límite en 33.
A continuación ambas partes pasaron a negociar as condicións nas que se atendería a sobredemanda de pacientes, entendida como todos aqueles que superasen o límite acordado, pero nese punto os representantes da Consellería de Sanidade recoñeceron que non podían asumir ningún compromiso sen consultar antes con outro departamento da Xunta, neste caso o de Facenda, e esixiron a O´Mega a suspensión da convocatoria da folga sen chegar a ningún acordo ao respecto.
O sindicato reclamou continuar as negociacións para alcanzar un acordo que permitise suspender o paro, pero entón a Consellería de Sanidade deu marcha atrás e rompeu o principio de acordo alcanzado sobre a limitación de pacientes.
O´Mega considera “irresponsable a postura da Xunta, que esperou ata o último momento para negociar a suspensión dunha folga que foran xa anunciada o 2 de febreiro e cuxas consecuencias sufrirán miles de galegos”.
Ademais, entenden que a ruptura do principio de acordo alcanzado sobre a limitación de axendas médicas supón un desprezo ao labor dos facultativos, que xunto cos usuarios da Atención Primaria serán os principais prexudicados por unha folga que a Consellería de Sanidade non quixo evitar.
O´Mega afirma que manterá ata o último minuto a súa disposición a negociar un acordo de mínimos que permita suspender o paro sempre que a Administración asuma un compromiso concreto coas reinvindicacións dos médicos para mellorar a calidade da Sanidade Pública galega.
Máis novas das folgas da sanidade pública

