Persoal de ADEGA achegouse a comprobar “in situ” a existencia desta vertedura logo das denuncias de veciñanza e de diversas publicacións atopadas en nas redes sociais.
A entidade ecoloxista advirte de que estas verteduras supoñen un risco real para a saúde pública e para a conservación do ecosistema fluvial ata a ría do Burgo.
ADEGA-A Coruña denuncia verteduras recorrentes no río Valiñas, que poñen en risco a sáude pública e ambiental. Esta vertedura acontece cando hai moita choiva e o río aumenta o seu caudal. O mal deseño da canalización do sumidoiro, que vai paralelo ao río, e en moitos puntos ten unha cota inferior ao río, fai que a auga do río entre na canalización de augas fecais. Isto provoca que as augas fecais se mesturen coas do río. Cando menos, existen dous puntos, un en Culleredo e outro en Cambre, nos que a veciñanza detectou estas verteduras.
“Nestas zona do río poden verse toalliñas e outros restos que claramente saíron pola tapa do sumidoiro, e existe un claro cheiro a augas fecais“, critica a organización. En Sésamo, cerca da rúa Castro de Silvar, persoal de ADEGA que visitou a zona puideron observar que “xa houbo un burdo intento de parar a vertedura colocando uns bloques de cemento enriba da tapa do sumidoiro”.
Esta vertedura está a provocar unha alteración desa zona natural e un risco real para a saúde pública. Por este motivo, ADEGA – A Coruña denunciou esta situación diante do Concello de Culleredo e de Augas de Galiza, a quen solicitou información sobre cal é a data na que estas administracións tiveron constancia desta vertedura e cales son as actuacións previstas para poñerlle fin.
RÍO VALIÑAS
O río Valiñas, que nace próximo ao Monte Xalo e percorre varios concellos da comarca ata desembocar no río Mero, no lugar da Telva, mantén un bo estado de conservación a pesar das continuas agresións. A auga e os restos que se están a verter no río Valiñas acabarán chegando á ría do Burgo, na que hai poucos anos se investiron máis de 35 millóns de euros en mellorar o seu estado de conservación.
As verteduras de augas fecais provocan un descenso no osíxeno disolto na auga, debido á gran presencia de bacterias, e poden provocar a mortalidade da fauna propia do río, como peixes, anfíbios ou insectos. Ademais, existe o risco de que nos restos fecais sen depurar estean presentes virus ou bacterias patóxenas, o que converte estas verteduras nun risco para a saúde pública.
ADEGA quere recordar que é responsabilidade das administracións locais prestar o servizo de saneamento á cidadanía e que, para ese fin, existe unha taxa municipal que paga toda a veciñanza, xunto coa de potabilización da auga e a de residuos sólidos urbanos. “A vixilancia da boa saúde dos ríos corresponde á empresa autónomica Aguas de Galicia, e polo tanto, tamén é responsabilidade desta entidade velar porque non existan verteduras nos ríos”, conclúe ao tempo que insta a estas dúas administracións a que se reúnan para poñer fin a “este atentado ecolóxico canto antes”.

