A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou este xoves que a formación conta “cun gran banco” de persoas preparadas para optar á Alcaldía da Coruña, tras anunciar o actual portavoz municipal nacionalista, Francisco Jorquera, que non se presentará como candidato nas próximas eleccións municipais.
Pontón realizou estas declaracións durante un acto na cidade herculina, onde quixo recoñecer publicamente a traxectoria política de Jorquera. “Unha cousa é que deixe o cargo público e outra que deixe a política”, subliñou a líder nacionalista, quen destacou que o BNG seguirá contando co seu papel dentro da organización. Pontón cualificou ademais a Jorquera como “unha das mellores cabezas políticas que ten o BNG”.
A MILITANCIA DECIDIRÁ A CANDIDATURA
A portavoz nacional insistiu en que a elección do futuro candidato ou candidata á Alcaldía da Coruña corresponderá á militancia do partido, e non a decisións tomadas pola dirección. “Non se vai elixir desde ningún despacho de Santiago”, afirmou, reivindicando que o BNG conta con persoas “moi preparadas e capacitadas” para asumir esa responsabilidade.
JORQUERA AGRADÉCELLE O APOIO
Pola súa banda, Francisco Jorquera agradeceu as palabras de Pontón, que cualificou de “tan cariñosas”, e reiterou a súa disposición a seguir colaborando co partido. “Póñome á disposición do BNG”, afirmou o portavoz municipal nacionalista.

