Cada xoves, ás 23:00h, as ondas da 103.4FM CUACFM acenden o motor. Xurxo Varela e o seu equipo de colaboradores poñen en marcha EscapeMotor (ou SKPMotor), o programa de motor máis potente da provincia.
Xurxo Varela é o director e presentador, pero conta cun excelso equipo formado polos redactores Iván Carmona, Luís Carré e David López, con Marta Gómez (tamén directora do podcast “Enworking”, sobre psicoloxía laboral) aos mandos técnicos, para dirixir un dos case un cento de programas que ofrece esta temporada a radio universitaria e comunitaria da Coruña.
Esta xa é a súa 9ª temporada en marcha, con case 400 programas ás súas costas. Xa estiveron, coa marca “En Boxes” en Universal Radio e varias temporadas en Intereconomía, pero dende hai 4 anos apostaron pola liberdade que ofrece a CUAC, que a día de hoxe pode ser a emisora que mellores instalacións ten de toda a cidade.
Son auténticos amantes do mundo do motor, e tanto traen unha análise da F1, como dos autocross, do motociclismo, como dos rallyes, no que xa son referente en todo o país.
De feito, xa os chaman para as presentacións de coches en todos os concesionarios da cidade, e mesmo para retransmitir os rallyes da zona, como pode ser o EcoRally da Coruña, ao que acoden con absoluta dedicación, chegando a estar 10 anos tralos micros, e entrevistando a todos e cada un dos participantes.
Xoves de Rally

Este xoves 12, (acompañados da xa mítica tortilla, desta volta xentileza do Bar La Nacional de Iñás) despois do clásico “Momento Bache” facendo un repaso ao estado das nosas estradas, o programa arrincaba ata Ourense, co novo piloto Miguel Gayoso gañador da Clio Trophy Galicia copilotado por Carlos Guitián na 30ª edición do Rally do Cocido de Lalín celebrado o pasado fin de semana. É o primeiro triunfo da tempada para o equipo da FGA Junior Team by MaxiDeza aos mandos de Clio Rally 5.
Miguel comentou que despois de varias tempadas competindo ao máis alto nivel en Carcross (Cpto. Galego, de España e Europeo) necesitaba un cambio de especialidade e en 2025 deu o salto aos rallys competindo no Sandeiro Cup co seu copiloto Carlos Guitián. A experiencia gustoulles e esta tempada van correr os oito rallys que puntuan para a Copa Clio Trophy Galicia e as probas da Clio Trophy Spain que arrinca no Rally da N. do 19 ao 21 de marzo.
Xa nos estudos de CuacFM na Zapateira estaban os primeiros clasificados da Copa Criterium Galicia Recalvi Yeray González e Miguel Santos con Citroen Saxo, un triunfo moi pelexado entre os 28 equipos participantes dos cales 24 chegaron a meta.
Yeray e Santiago a pasada tempada participaban cun Citroen AX practicamente de serie e este ano dan o salto a un vehiculo con mellores prestacións que lles permitiu estar nos postos de cabeza da Criterium en todos os tramos do Rally do Cocido de Lalín, realizando 5 scratch dos 9 tramos, finalizando no posto 44 da Xeral.
Cómpre destacar que tamén se levaron o premio TC Plus patrocinado pola Cuadrilla Racing ao ser os máis rápidos no Tramo Carballeda 1, que consistía nuns chourizos e unha botella de “Auga de Barrantes”.
A próxima carreira será o Rally de Noia o 17 e 18 de Abril que a día de hoxe xa ten 140 equipos inscritos.
“Hai canteira no automobilismo galego”, recoñece satisfeito Xurxo Varela.
Como escoitar SkpMotor
Podes escoitar o programa deste xoves dende cuacfm nesta ligazón ou acceder a todos os seus programas no seu espazo en www.cuacfm.org. E tamén podedes seguir tamén a través das redes sociais en Facebook e Instagram @escapemotor.cuac.
Xa no Xornal
Cada semana, aproveitaremos os seus contidos no Xornal da Coruña, abrindo unha fiestra ao mundo do motor da cidade.

