A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, explicou este luns as alternativas de tráfico que se habilitarán durante o corte da avenida da Pasaxe os días 30 e 31 de marzo e 1 de abril, coincidindo co inicio da Semana Santa. A interrupción afectará a un treito duns 300 metros, entre a pasarela peonil situada fronte ao tanatorio Servisa e o Burger King, e obrigará a reorganizar os accesos ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) mentres se realizan os traballos de demolición do viaduto coñecido como “scalextric”. Segundo explicou a delegada, a elección destas datas responde a criterios técnicos, xa que durante a Semana Santa redúcese o tráfico entre un 20 % e un 25 % na cidade, ao non haber transporte escolar e diminuír a actividade habitual.
COORDINACIÓN COS CONCELLOS DA ÁREA DO CHUAC
Antes de anunciar as medidas, a Xunta mantivo unha reunión cos alcaldes e alcaldesas de Abegondo, Bergondo, Carral, Culleredo e Oleiros, municipios da contorna da Coruña cuxos veciños utilizan habitualmente estes accesos para desprazarse ao hospital. O obxectivo foi informar sobre o corte, coordinar a difusión das medidas e manter unha comunicación fluída para minimizar o impacto da obra. Ademais, o Goberno galego porá en marcha unha campaña informativa intensiva, que incluirá comunicación periódica aos medios, información sobre incidencias e avances das obras e unha acción específica dirixida ao persoal do CHUAC e aos centros de saúde da área sanitaria, coordinada pola Xerencia do hospital.
DEMOLICIÓN DO VIADUTO E NOVA ESTRUTURA
O corte de tráfico é necesario para realizar a demolición do viaduto sobre a AC-012, unha actuación imprescindible para executar a nova estrutura de acceso á vía. O proxecto contempla a construción dunha glorieta de 44 metros de diámetro exterior, que formará parte do futuro anel perimetral da cidade. Durante este período desaparecerá temporalmente o acceso ao hospital a través do chamado “scalextric”, mentres que o resto de accesos permanecerán operativos.
ALTERNATIVAS DE TRÁFICO
A Xunta habilitará diferentes itinerarios alternativos en función da procedencia dos vehículos. Para os vehículos que accedan desde fóra da cidade, tanto desde a glorieta da Ponte da Pasaxe como desde a AP-9, o desvío sinalizado será pola avenida de Alfonso Molina, tomando a saída cara ao Porto e continuando pola glorieta de Matogrande ata a glorieta de Casabranca. No caso dos vehículos procedentes da zona de Carballo e Arteixo, o itinerario manterase polo percorrido habitual pasando por Matogrande, o túnel de Eirís e a glorieta de Casabranca.
DESVÍOS DESDE O INTERIOR DA CIDADE
Para os accesos desde o interior da Coruña, se se procede da glorieta da Casa do Mar, o tráfico será desviado pola estrada do Porto ata a glorieta de Casabranca. Tamén se habilitará o paso polas vías de servizo da avenida da Pasaxe ata a glorieta dos Castros, xa que o túnel permanecerá cortado, e desde aí continuar cara a Casabranca. Outra alternativa será circular pola avenida de Monelos, a rúa Javier López López e a avenida de Lamadosa.
ACCESOS DURANTE A RECONSTRUCIÓN
Unha vez demolido o viaduto e levantado o corte de tráfico na avenida da Pasaxe, durante a fase de reconstrución o acceso ao CHUAC desde a glorieta da Ponte da Pasaxe realizarase a través da glorieta de Casabranca. Para a saída do hospital manterase o itinerario cara á Ponte da Pasaxe. Ademais, coa obra de mellora dos accesos habilitouse un novo viario de saída desde o CHUAC polo Parque de Eirís cara á AC-10, que conecta coa glorieta de Casabranca e facilita a conexión co interior da cidade. Non obstante, seguirán dispoñibles outras rutas alternativas a través da avenida de Monelos, a rúa Javier López López e a avenida de Lamadosa.

