O Concello da Coruña presentou este xoves a Carreira Enki no Barrio 2026, unha iniciativa que busca fomentar a inclusión, a participación infantil e o deporte adaptado entre o alumnado. O concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, participou no CEIP Curros Enríquez no acto de lanzamento desta proposta que tamén promove a convivencia e os hábitos de vida saudables.
A actividade celebrarase o 17 de outubro no Campo de Marte e contará coa participación de cinco centros educativos da zona: o CEIP Víctor López Seoane, o CEIP Cidade Vella, o CEIP Zalaeta, o CEIP Torre de Hércules e o propio CEIP Curros Enríquez, que foi o impulsor da idea. Durante a presentación, as autoridades puxeron en valor o compromiso da comunidade educativa co desenvolvemento de proxectos que reforzan a cohesión social e a solidariedade.

