Dúas persoas resultaron afectadas por inhalación de fume tras arder un tellado nun edificio da Coruña, segundo informou a Europa Press o servizo de emerxencias 112. Do suceso tívose constancia sobre as 09.20 horas da mañá e ao lugar trasladáronse efectivos dos Bombeiros, ademais de Policía Local e Nacional, xunto a Urxencias Sanitarias 061.
Os medios desprazados aínda están a traballar nos “labores de sofocación”, precisaron desde o servizo de emerxencias para sinalar que hai “moita carga térmica”. Foron varios particulares os que alertaron do incendio. En concreto, precisaron que ardía un tellado nun inmoble da rúa Antonio Pedreira Ríos, á altura do número dous, aínda que dá tamén polo outro á rúa Mosteiro de Sobrado. Axentes da Policía Nacional trasladaron a existencia de dúas persoas afectadas por inhalación de fume.

