Os grupos da oposición no Concello da Coruña, PP e BNG, cargaron este venres contra o goberno local socialista pola súa actuación no proceso vinculado ao Mundial de Fútbol 2030, despois de que a cidade quedase fóra como sede. No pleno extraordinario convocado arredor desta cuestión, ambas formacións atribuíramlle ao executivo local unha mala xestión dun expediente que, ao seu xuízo, rematou cun resultado negativo para os intereses da cidade.
Desde as bancadas da oposición, as críticas centraronse na forma en que o executivo conduciu o proceso e na perda dunha oportunidade que, segundo sostiveron, A Coruña estaba en condicións de disputar. O portavoz do grupo municipal do PP, Miguel Lorenzo, asegurou que a cidade contaba cos elementos necesarios para aspirar a esa designación e reprochou ao goberno que non fose quen de culminar con éxito a candidatura. Na súa intervención, afirmou que “temos as vimbias para ser sede e non foron capaces de sacar este proxecto” e considerou que a situación supuxo facer o “ridículo”.
Na mesma liña expresouse o concelleiro David Soto, que situou a responsabilidade política directamente no executivo que encabeza Inés Rey. Soto definiu o sucedido como “un fracaso do goberno de Inés Rey” e cuestionou que se lanzasen expectativas antes de que a operación estivese plenamente consolidada. Ademais, reclamou explicacións sobre o contido do acordo alcanzado co Deportivo, pedindo maior claridade sobre os compromisos asumidos no marco da reforma do estadio e das demais instalacións do complexo deportivo.
Pola súa banda, o goberno municipal non deu novas explicacións, rexeitando esas acusacións e defendeu que a decisión de non continuar coa opción de ser sede se tomou atendendo ás condicións esixidas pola FIFA e ao impacto que estas poderían ter para a cidade. O portavoz do executivo, José Manuel Lage, asegurou durante o debate plenario que a alcaldesa xa dera conta dunha explicación “clara” sobre a secuencia dos feitos, desde os primeiros pasos dados para promover a candidatura ata a decisión final de renuncia.
Segundo expuxo, o proceso experimentou cambios desde que en 2022 se puxo sobre a mesa a posibilidade de que A Coruña optase a ser sede do campionato. Lage incidiu en que o escenario foi mudando ao longo destes anos e sostivo que, chegado o momento de decidir, o goberno municipal optou por priorizar o “interese xeral”. Nese sentido, argumentou tamén que a postura adoptada buscou evitar compromisos que puidesen condicionar a cidade no futuro e recalcou que se actuou coa intención de “non hipotecar á cidade”.
O executivo local tamén reivindicou o acordo acadado co Deportivo, sinalando que permitirá acometer actuacións de reforma no estadio e noutras instalacións deportivas vinculadas ao complexo. Ese pacto foi presentado polo goberno como unha vía para impulsar melloras nas infraestruturas deportivas sen vincular necesariamente esas actuacións á condición de sede mundialista.
DEBATE POLÍTICO SOBRE AS CONSECUENCIAS
No transcurso da sesión, o debate político xirou tamén arredor das consecuencias que a perda da sede podería ter para A Coruña. Desde a oposición puxéronse sobre a mesa os posibles efectos económicos e de proxección exterior que podería ter acollido un evento desta dimensión. Pola contra, o goberno local defendeu que a análise debía facerse tendo en conta o custo global, as condicións impostas e a responsabilidade institucional á hora de non asumir cargas que, segundo sostén, non resultaban asumibles en termos de cidade.
Deste xeito, o pleno extraordinario escenificou a confrontación entre dúas lecturas opostas sobre o mesmo proceso: a da oposición, que ve na renuncia un exemplo de incapacidade de xestión, e a do goberno local, que a presenta como unha decisión adoptada con criterios de prudencia e en defensa do interese xeral.
Máis novas
O PP incide no informe sobre o impacto económico do Mundial que agocha o goberno municipal

