Dende 2023, cando a proposta da ANPAS do barrio gañaron un dos proxectos dos Orzamentos Participativos, tiña pendente o Concello da Coruña a transformación do Monte Vixía, no Parque do Vixía. O Concello, que tiña unha partida pendente dende 2024, anuncia hoxe que aprobará nos vindeiros días a licitación das obras.
O cumio do barrio vivirá unha necesaria humanización que servirá ademais para unir, arredor do simbólico depósito de auga, infraestruturas como dous colexios, unha escoliña e un centro de maiores.
A transformación do espazo, na contorna do depósito de auga, permitirá integrar distintos elementos e eliminará muros de peche para acadar unha superficie unitaria e homoxénea, na que se plantará arboredo e se mellorará a accesibilidade.
Ademais, instalaranse sendas peonís (algunhas elevadas para superar a altura dos edificios e servir de miradoiros) e crearanse distintas zonas de xogos e descanso. A actuación inclúe unha profunda reestruturación dos espazos coa habilitación de merendeiros e hortos urbanos. Tamén se colocarán estanques e fontes e construirase unha nova infraestrutura de rega e drenaxe; a auga terá un especial protagonismo na formulación do parque.

O investimento previsto para a transformación de máis de 16.000 metros cadrados ascende a 1.629.946 euros, para unhas actuacións que teñen un prazo máximo de execución de 12 meses.
Máis novas
As obras dos barrios nas que o Concello investirá 93 millóns de euros
Parque Ciudad “Monte Martelo”, un parque que cambia unha cidade

