A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) presentou esta mañá no Teatro Rosalía Castro todos os detalles da 30ª edición dos Premios de Teatro María Casares, a gran cita da escena galega. A gala desenvolverase o mércores 8 de abril de 2026 ás 20:30 horas no Teatro Rosalía.
Os Premios reunirán este ano 17 espectáculos que optan a 16 galardóns en categorías que abarcan desde a interpretación ata os apartados técnicos e os espectáculos infantís e de monicreques. Entre as montaxes con máis candidaturas destacan Reconversión, de Ibuprofeno Teatro, con 11 finalistas —incluíndo Espectáculo, Dirección e Texto—; A serie clopen, do Centro Dramático Galego, con 10 —incluíndo Espectáculo, Dirección e Actriz Protagonista—; e TROMSØ, de Morraoconto, con 7 —incluíndo Espectáculo e Dirección—.
A imaxe desta 30ª edición foi creada pola ilustradora e deseñadora luguesa Rebeca Losada, coñecida pola súa paleta vibrante e a súa traxectoria no mundo editorial e musical.
Festexar a Manuel Lourenzo
A gala deste ano terá como fío condutor a figura e a obra de Manuel Lourenzo, histórico actor e dramaturgo galego, Premio Nacional de Literatura Dramática en 1997, finado o pasado verán. Baixo a dirección de Gloria Rico, o espectáculo propón non a melancolía nin o eloxio fúnebre, senón a celebración.
A AAGG quere compartir este momento, premios e espectáculo co público, polo que a Gala poderá seguirse en directo vía streaming a través de YouTube: https://youtube.com/live/
Homenaxe a Luma Gómez
Nesta edición, a AAAG entrega o seu recoñecemento especial á actriz e activista Luma Gómez, figura fundamental do teatro galego e do movemento asociativo profesional. Eva Fórneas, presidenta da AAAG, subliña o seu perfil único: “Luma é un referente en moitos aspectos: muller que fundou e cofundou tanto a Asociación como entidades artísticas, nunca deixou de adicarse ao teatro. Sempre moi concienciada coa profesión e cos dereitos e loitas sindicais. Queremos darllo agora para que poida gozar e desfrutar do recoñecemento desde o escenario, como cada día, tamén detrás dos papeis, porque Luma é unha curranta nata”, sinala.
Máis novas
A 30ª edición dos Premios de Teatro María Casares coa presentación do cartel

