A Deputación da Coruña presentou este xoves no Teatro Colón a V Gala da Cultura, un evento que terá lugar o 16 de abril e que busca impulsar o labor cultural en toda a provincia. Tras unha actuación en directo de Belém Tajes, gañadora do Premio Narf 2025, a deputada de Cultura, Natividade González, instou á cidadanía a asistir a esta cita clave para o sector.
Pola súa banda, a directora artística da gala, Thais Suárez, sumouse a esta invitación e lembrou que a entrada é de balde, ao tempo que destacou o valor de vivir a cultura en directo. A presentadora Susana Pedreira subliñou a súa satisfacción por conducir o evento nun escenario no que contará coa compañía do actor e músico Xoán Fórneas. A gala consolídase así como o gran escaparate para o recoñecemento das iniciativas culturais coruñesas.

