Asinar un novo convenio a nivel estatal e recurtar dereitos adquiridos polas traballadoras na provincia da Coruña, é a intención das patronais, con Inditex á cabeza, do comercio textil e do calzado. A entrada en vigor do convenio estatal de ARTE provocaría que as traballadoras do sector da nosa provincia perdesen ata 2.000€ ao ano en soldos, no marco dunha completa perda de dereitos laborais.
Ante esta situación o persoal das grandes cadeas de téxtil e calzado das catro provincias galegas está chamado a secundar unha xornada de folga o vindeiro venres 17 -no caso da Coruña a convocatoria esténdese tamén ao sábado 18-.
Con motivo da folga, na cidade da Coruña o venres está convocada unha manifestación ás 12 horas dende o CC Catro Camiños até a sede da patronal (Praza de Luís Seoane) e o sábado día 18 haberá mobilización ás 12 horas dende a Praza de Lugo.
Lucía Domínguez, delegada da CIG e traballadora do sector, denunciou que a sinatura do convenio promovido pola patronal ARTE (na que están presentes as grandes multinacionais do comercio téxtil e do calzado) significaría a imposición de salarios entre 2.000 e 3.000 euros anuais, dependendo da categoría, por debaixo do que estabalece o convenio provincial da Coruña. Unha recorte que chegaría os 5.000 euros para o persoal de nova incorporación nas tendas do Grupo Inditex.
Ademais, estabelécese unha xornada efectiva de traballo anual superior e pérdense outros dereitos como antigüidade, licenzas, días de asuntos propios, o complemento até o 100% nas baixas ou melloras na conciliación, ao tempo que se incrementa a flexibilidade e a falta de previsión nos horarios e calendarios.
Domínguez enmarcou a negociación deste novo convenio estatal nunha estratexia patronal para centralizar as relacións laborais e sindicais e ir deteriorando as condicións e dereitos acadados polas traballadoras nas provincias máis combativas ao longo das últimas décadas.
Para impedir a entrada do convenio ARTE, a CIG xa se dirixiu á patronal galega (na que ten a maioría Inditex) para negociar e asinar un acordo interprofesional galego de comercio que blinde a prioridade aplicativa dos convenios provinciais sobre os estatais, tal e como se fixo en Euskadi. “Porén, a patronal galega négase rotundamente a esta posibilidade”, lamentou.
Inditex paga ao persoal de ETT por debaixo de convenio
Doutra banda, informou que a Inspección de Traballo da Coruña -a instancias dunha denuncia da CIG- vén de constatar que Inditex leva anos pagándolle ao persoal contratado por ETT por debaixo do que marca o convenio provincial do comercio vario. Tras do informe realizado, a Inspección iniciou procedemento sancionador contra Inditex, vai reclamar as cotizacións e os salarios deixados de abonar pola compañía dende o ano 2022 e ampliará a súa actuación a todo o Estado.
Entre outros conceptos, a empresa non lle pagou ao persoal de ETT nin os 200 euros/mes incluídos no convenio provincial tras as mobilizacións de 2023, nin as comisións, nin outros complementos estabelecidos por convenio e acordos coa propia empresa. “Son centos de traballadoras e traballadores afectados a quen Inditex deixou de pagar miles de euros”, indicou Domínguez.
A CIG-Servizos cuantifica unha diferenza -en cómputo anual- de entre 6.000 e 7.000 euros con respecto ao que o persoal contratado por ETT debería ter cobrado e os cartos que realmente percibiu, “xa que Inditex está abonando 4,5 euros/hora menos do marcado no convenio colectivo”.
Criticou que a compañía dificultou enormemente a denuncia e a investigación porque de maneira sistemática denegou aos comités das distintas marcas os datos de contratación a través de empresas temporais “co obxectivo de ocultar este grave incumprimento”. De feito, a CIG- Servizos advertiulle a Inditex en reiteradas ocasión que non estaba cumprindo coa lexislación laboral e que acudiría á Inspección de Traballo, mais a empresa rexeitou corrixir estas eivas.
Máis novas
Jevaso, o “xigante textil” que crece por fóra pero se baleira por dentro
Traballadoras das tendas de Inditex deron a “benvida” a Marta Ortega á tenda de Juan Florez

