A sección sindical da CIG no complexo industrial de Repsol na Coruña convocou cinco xornadas de folga contra os “recortes” de persoal e de dereitos. A central sindical reclama máis postos de traballo, máis seguridade e un plan de investimentos para garantir o futuro do centro. Segundo informou a CIG nun comunicado, os paros terán lugar os días 26 e 27 de xuño, e 3, 4 e 5 de xullo, afectando todas as quendas e departamentos.
APROBADO POLO PERSOAL EN ASEMBLEAS
A convocatoria chega despois de ser aprobada polo persoal da refinaría en diferentes asembleas e, segundo a central sindical, ante a “falta de medidas concretas” por parte de Repsol. A CIG denuncia que a empresa non está a actuar para “reverter a destrución de postos de traballo”, frear o empeoramento das condicións laborais e garantir a seguridade no complexo industrial.
A UNIDADE DE COQUE, A “PINGA” QUE COLMOU O DESCONTENTO
Segundo o sindicato, a decisión da empresa de eliminar unha persoa operadora por quenda na unidade de coque foi “a pinga que colmou o descontento do cadro de persoal”. A CIG lembra que os traballadores se mobilizan desde o mes de abril en resposta ao que considera unha política de redución progresiva de emprego.
MÁIS CARGA DE TRABALLO E MÁIS RISCOS
A central sindical advirte de que o “recorte” de persoal ten como consecuencia unhas condicións laborais “peores”, máis carga de traballo e “máis riscos” para a seguridade. Segundo denuncia, o persoal está tendo que soportar “inasumibles prolongacións da xornada”, tanto nas quendas como nos equipos de mantemento.
CHAMAMENTO Á MOBILIZACIÓN
Ante esta situación, a CIG animou os traballadores a secundar a folga e a mobilizarse. A central sindical sostén que o cadro de persoal “ten motivos, ten a razón e ten a forza” para reclamar un cambio de rumbo na política laboral da empresa. “É o momento de plantar cara á destrución do noso centro de traballo”, sentenciou a CIG.

