A Audiencia Provincial da Coruña, de conformidade co veredicto de culpabilidade do Tribunal do Xurado, condenou a 20 anos de prisión a cada un dos dous procesados polo asasinato de Yoel Quispe, ocorrido no centro da Coruña na madrugada da noiteboa de 2023.
Con iso, o tribunal impón a mesma pena ao autor material da morte e ao acusado de proporcionarlle a navalla, considerado cooperador necesario. Ambos son culpables dun delito consumado de asasinato. Ademais, o maxistrado imponlles cinco anos de liberdade vixiada. O terceiro procesado quedou absolto.
Na sentenza, o tribunal resalta que a agresión coa navalla foi levada a cabo “coa intención de acabar coa vida” da vítima. Ademais, destaca a existencia de “aleivosía súbita ou inopinada, chamada tamén sorpresiva, na que o suxeito activo, aínda á vista ou en presenza da vítima, non descobre as súas intencións e, aproveitando a confianza daquela, actúa de forma imprevista, fulgurante e repentina”.
O maxistrado explica que o Xurado infere, tras os datos expostos polos médicos forenses, “que a vítima, cando foi apuñalada no peito, foino dunha maneira súbita e inesperada”. Non presentaba, engade, lesións defensivas, “o que permite entender que non puido ofrecer resistencia ou oposición algunha“, á vez que sinala que “é evidente que o emprego desa navalla veu supor unha situación de máis que superioridade do acusado sobre a vítima”.
O Tribunal do Xurado, segundo consta na sentenza, tamén tivo en conta “o carácter vital da zona afectada, alcanzando o corazón”, así como o tipo de arma empregada. Aínda que non fose achada, o fallo indica que “a natureza da ferida causada evidencia o seu poder vulnerante e mortífero”.
En canto ao cooperador, a sentenza apunta que o outro procesado entregou a navalla ao autor material “sabendo que este quería usala para acabar coa vida da vítima ou, polo menos, representándose a elevada probabilidade do seu emprego e daquel resultado”. Por iso, considera que a entrega da arma branca “veu ser un elemento decisivo para a morte” da vítima. A sentenza non é firme, pois cabe presentar recurso de apelación ante o TSXG.
XUÍZO
No xuízo, o autor confeso da puñalada mortal a Yoel Quispe — na Noiteboa de 2023 na Coruña — e o considerado por Fiscalía e acusacións particulares — en representación da nai e o pai da vítima — como a persoa que lle deu a navalla pediron “perdón” á familia, ao facer uso da palabra na última sesión da vista celebrada na Audiencia coruñesa. Antes, na lectura de conclusións, a fiscal e as acusacións particulares da nai e o pai de Yoel Quispe cualificaron a súa morte de “execución” e de acto “cruel” con “violencia sorpresiva e desalmada”, sen posibilidade de defensa da vítima.
“Un ataque a traizón”, sentenciou, na última sesión do xuízo, a fiscal en liña coas demais acusacións. “Unha violencia letal”, aseverou a do pai de Yoel. “Houbo unha unidade de acción”, sostivo o letrado da nai. Isto con este tres partes rexeitando lexítima defensa, arrebato ou obcecación. Fronte a iso, as defendas pediron absolución ou condena, alternativamente, por homicidio imprudente para o autor confeso da puñalada mortal.

