Veñen avisando dende hai meses, e hoxe a portavoz do grupo municipal do BNG na Coruña, Avia Veira, anunciou a ruptura do acordo de investidura que a súa formación mantiña co goberno local do PSOE, encabezado pola alcaldesa, Inés Rey. O BNG considera que o PSOE incumpriu os compromisos adquiridos. “Damos por rotos os acordos co Partido Socialista, o acordo orzamentario e o acordo de investidura”, concretou Veira en rolda de prensa. “Non podemos soportar máis incumprimentos”, incidiu.
Neste sentido, a portavoz nacionalista citou o que considerou “asuntos pendentes”, entre outros, na área de urbanismo, cultura ou medio ambiente e criticou que a rexedora “non é consciente de que non ten nin a maioría simple no Concello da Coruña”. “Depende de nós para todo o que queira poñer en marcha”, destacou para engadir que “actúa coma se tivese maioría absoluta”. “Non o imos seguir soportando”, reiterou.
Veira relatou a serie de incumprimentos en materia de Persoal do Concello (non se realizou unha nova RPT), de mobilidade (carril bus, melloras nos horarios, mellora do carril bici, que se rescaten os aparcadoiros públicos…), de Política social (non se impulsou un Plan de Inclusión Social nin un Plan de Accesibilidade Universal, de Deportes (lamentando as condicións laborais das traballadoras e traballadores das conserxarías das instalacións deportivas), de Cultura (lembrando o procedemento da substitución da dirección da Fundación Luís Seoane, a falta de unificación da Rede de Bibliotecas ou o Programa de Lecer, no que continúa a precariedade), de Memoria Democrática, de Vivenda, de Educación (a falta de mantemento dos coles públicos), de Participación ou de Medio Ambiente (coa planta de Nostián como “xoia da coroa”).
ALCALDESA
Pola súa parte, a rexedora, cuestionada sobre este asunto nun acto, reprochou que o BNG “decidise, a menos dun ano das eleccións — fixadas para maio de 2027 –, que quere situarse ao carón do Partido Popular, é dicir, na oposición”. “Se é o que eles queren ofrecerlles aos cidadáns da Coruña e á cidade, sentarse coa dereita para votar todo en contra“, expuxo sobre a súa decisión.
Do mesmo xeito, explicou que o goberno local vai “seguir traballando”. “Temos uns orzamentos aprobados, estámolos executando e levando a cabo melloras”, argumentou. “Seguiremos así a partir de maio de 2027”, avanzou para incidir en que “quen queira poñerse fóra do taboleiro será unha cuestión que expliquen eles”.
Máis novas
O BNG pídelle ao Goberno Local informes sobre a situación económica
O BNG condiciona o seu apoio ao PSOE a buscar “unha solución para o buraco económico” nas contas

