O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) recoñeceu como accidente de traballo o desprendemento de retina no ollo esquerdo sufrido por un condutor de camión mentres desenvolvía a súa actividade profesional para unha empresa con sede no concello coruñés de Arteixo.
A Sala do Social estimou o recurso presentado polo traballador contra unha resolución anterior do Xulgado do Social número 2 da Coruña, que considerara que o período de incapacidade temporal derivado desta lesión respondía a unha enfermidade común.
O tribunal galego conclúe, pola contra, que existen elementos suficientes para aplicar a presunción de que a lesión ten unha orixe laboral, ao terse manifestado durante a xornada e mentres o afectado conducía o vehículo da empresa.
Segundo recolle a sentenza, o desprendemento de retina “produciuse no tempo e no lugar de traballo, isto é, durante a condución do camión”. Os maxistrados tamén teñen en conta o momento no que apareceron os síntomas, “preto da medianoite”, nunhas circunstancias nas que, segundo sinalan, a condución requiría “un esforzo visual importante”.
OS ANTECEDENTES MÉDICOS NON DESCARTAN A RELACIÓN CO TRABALLO
A resolución analiza tamén os argumentos empregados na primeira instancia para cualificar a baixa como derivada dunha enfermidade común. O TSXG explica que a xuíza baseara a súa decisión, entre outros elementos, no informe pericial médico presentado pola mutua que promoveu o procedemento.
O traballador contaba con antecedentes relacionados coa retina e sufrira tamén unha intervención de cataratas meses antes do episodio. Porén, a Sala do Social considera que estas circunstancias non son suficientes para eliminar a presunción de que a lesión está vinculada á actividade laboral.
“Nin os antecedentes de desprendemento de retina nin a súa aparición nos seis meses seguintes a unha cirurxía de catarata, nin a consideración do desprendemento de retina como unha complicación recoñecida, exclúen o nexo de laboralidade”, sinala o fallo.
Para os maxistrados resulta especialmente relevante que a lesión non só se producise durante o horario e no lugar de traballo, senón tamén mentres o empregado executaba directamente a súa función profesional.
“Cando, ademais de producirse en tempo e en lugar de traballo, prodúcese con ocasión da realización da propia actividade profesional, sendo unha actividade de condución esixente para a visión, e máis se se conduce preto da medianoite”, expón a resolución para fundamentar a consideración como accidente laboral.
O CRITERIO DO INSS REFORZA A DECISIÓN
O TSXG incorpora ademais á súa argumentación a valoración realizada polo Equipo de Valoración de Incapacidades do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS), que xa concluíra que a continxencia debía cualificarse como accidente de traballo.
A Sala destaca que se trata dun organismo especializado na análise deste tipo de situacións e cunha composición multidisciplinar. O equipo avaliara tanto as circunstancias nas que se produciu o episodio como o historial médico completo do condutor antes de determinar a súa natureza laboral.
Esta conclusión, segundo indica o tribunal, “corrobora unha conclusión a favor da laboralidade” e reforza a aplicación da presunción de accidente de traballo neste caso.

