A Policía Local de Culleredo interceptou este pasado venres un veciño de Cambre de 24 anos que circulaba sen permiso de conducir, sen seguro obrigatorio, coa ITV caducada e baixo os efectos do alcohol.
Segundo informou o Concello de Culleredo nun comunicado, os feitos producíronse arredor das 23.50 horas na zona da urbanización A Cros, onde os axentes estaban a realizar un control rutineiro.
Ao identificar o condutor e revisar a documentación do vehículo, os policías comprobaron que o turismo non tiña a Inspección Técnica de Vehículos (ITV) en vigor nin contaba coa póliza do seguro obrigatorio. Ademais, tras consultar as bases de datos, os axentes confirmaron que o mozo tiña retirado o permiso de conducir.
Durante a intervención, o condutor foi sometido tamén á correspondente proba de alcoholemia, na que deu un resultado positivo de 0,37 miligramos de alcohol por litro de aire expirado, por riba do límite máximo permitido pola normativa de tráfico. Ante todas estas infraccións, os axentes instruíron as dilixencias correspondentes e o mozo será sometido a un xuízo rápido esta mesma semana.

