InicioM.AMBIENTE E PATRIMONIOA CRMH da Coruña cede o seu arquivo audiovisual á Deputación para...

A CRMH da Coruña cede o seu arquivo audiovisual á Deputación para a súa dixitalización

Publicada o

Por Redacción

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) vén de formalizar a cesión do seu fondo audiovisual á Deputación da Coruña, que o incorporará aos seus fondos documentais co obxectivo de garantir a súa conservación, catalogación, dixitalización e difusión pública. A cesión permitirá preservar un material de enorme valor histórico, composto por 168 cintas de vídeo e 6 DVD con entrevistas a máis dun cento de testemuñas directas do golpe de Estado de 1936 e da posterior represión franquista.

A CRMH da Coruña cede o seu arquivo audiovisual á Deputación para a súa dixitalización

A entrega dos soportes físicos tivo lugar na Biblioteca Provincial, nun acto no que participaron a deputada de Dereitos Civís, Sol Agra; o presidente da CRMH, Carlos Babío Urkidi; e a responsable da Biblioteca Provincial, Carmen Ferreiro. Por parte da asociación tamén asistiron Beatriz Gómez Amigo, Rubem Centeno Paradela e Beatriz Parga Massa.

Un arquivo único para preservar a memoria oral

O fondo audiovisual está integrado principalmente por entrevistas realizadas por Beatriz Gómez Amigo, integrante da directiva da CRMH, a mulleres e homes que viviron directamente o golpe militar e civil de 1936 na Coruña e a posterior represión franquista. Trátase dun material de especial relevancia histórica e documental, xa que a maioría das persoas entrevistadas xa faleceron. Entre as poucas testemuñas que permanecen vivas atópase unha muller que ten actualmente 102 anos.

A desaparición progresiva das persoas que viviron aqueles acontecementos fai especialmente urxente a preservación destes rexistros, que permiten recuperar experiencias persoais e voces imprescindibles para comprender a represión e as súas consecuencias. Neste sentido, a Deputación considera a conservación e difusión deste fondo unha actuación de interese público, tanto polo seu valor para a investigación histórica como pola súa contribución á educación democrática e á loita contra o esquecemento.

Dixitalización e consulta pública na Biblioteca Provincial

A Biblioteca Provincial será a encargada de custodiar os soportes físicos e catalogalos segundo os estándares bibliotecarios. Posteriormente, o experto Xosé Antón Bocixa Rei realizará os traballos de dixitalización para garantir a preservación dos contidos e facilitar o seu acceso. Unha vez concluído o proceso, os ficheiros dixitais quedarán dispoñibles para a súa reprodución a través da plataforma da Biblioteca Provincial. A consulta será pública.

ÚLTIMAS

FAVA reclama á Xunta unha fase de exposición pública do novo mapa do transporte metropolitano

Incide de novo na lamentable situación do transporte metropolitano a Federación de Asociacións Veciñais...

“Moito beneficio, o noso sacrificio”, decenas de traballadores do sector financeiro protestan para reclamar mellores condicións laborais

A Federación de Servizos de Comisións Obreiras (CC.OO.) mobilizouse este xoves na Coruña para...

A Xustiza filipina aprecia probas contra os policías acusados de Diego bello e rexeita arquivar o caso

Xustiza filipina rexeitou arquivar o caso pola morte do coruñés Diego Bello, ocorrida o...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here