A praia do Orzán acolleu este sábado outra xornada de limpeza ambiental que resultou na retirada de 105 quilos de residuos. A actividade reuniu a ducias de persoas comprometidas coa protección do litoral e a loita contra a contaminación mariña, nun evento colaborativo entre os colectivos Arenalimpia, Ecoloxistas en Acción de Galicia Atlántica y Verde, Coruña Beach Club e o Centro Ebenezer, no marco da XV Limpeza Simultánea de Praias, que a Asociación Ecoloxista ADEGA convocou baixo o lema “Únete á marea!
O evento transformou unha das praias máis emblemáticas da Coruña nun punto de encontro para persoas de todas as idades, unidas por un obxectivo común: contribuír a manter o medio natural en mellores condicións e concienciar sobre a importancia de coidar os nosos mares. Máis alá dos 105 quilos recollidos, a actividade pretendía transmitir unha mensaxe clara: a contaminación mariña é un problema que require a implicación de toda a sociedade. A participación cidadá e a educación ambiental son fundamentais para evitar a acumulación de residuos nas nosas costas e promover hábitos máis responsables.
Esta foi a limpeza 165 artellada polo colectivo ArenaLimpia. O proxecto busca demostrar que as pequenas accións poden xerar un impacto colectivo e que a colaboración entre persoas comprometidas permite avanzar cara a un litoral máis limpo e saudable. A limpeza da praia do Orzán é un exemplo de como a cidadanía pode pasar da preocupación pola contaminación á acción directa, transformando a conciencia ambiental nunha experiencia compartida. Os 105 quilos de residuos retirados no Orzán representan o resultado visible dunha xornada que tamén busca concienciar e motivar á sociedade para que tome medidas contra a contaminación.
“Cada acción conta. Cada persoa marca a diferenza. Coidar as nosas praias é unha responsabilidade compartida.”
“Hoxe paramos”. A Gran Corrente manda parar de “ensuciar” polo Día Mundial dos Océanos

