A historia da Vía Ártabra é para facer un libro. Dende 2001 se proxecta esta necesaria infraestrutura viaria autonómica (a AG-13) que serviría para conectar a comarca da Coruña (Oleiros, Sada, Bergondo e Cambre) coa AP-9 e a A6, desconxestionando así a estrada N-VI. Non foi ata 2013 cando se abriron os primeiros treitos emntre Lorbé e Iñás, cortando precisamente coa Naciona VI. E aí quedou a cousa.
Máis de 13 anos de parálise absoluta, con bloqueos administrativos, disputas entre Concellos e administracións e resolucións xudiciais, como a que obrigou a modificar o proxecto que pasaba por riba do humidal da Gándara, e que a Xunta segue sen resolver.
E seguirá sen facelo, tendo en conta que os Orzamentos da Xunta de Galicia para 2027 apenas inclúen unha partida de 500.000 euros destinados para esta estrada.
“Esta insignificante cantidade non dá nin para reactivar o proxecto, o que na práctica supón continuar castigando á cidadanía da comarca da Coruña, a máis importante de Galicia, a unha situación de caos diario nos accesos á cidade”, denuncian dende o Concello de Oleiros, un dos poucos que non deixa de loitar por esta infraestrutura.
“A postura do Goberno da Xunta coa vía Ártabra é insultante. Tampouco retomarán as obras en 2027, cando levan coa obra paralizada desde 2021, tempo máis que suficiente para realizar unha obra de máximo interese autonómico”, lamentan.
OLEIROS “MARXINADO”
Aproveita o Concello de Oleiros para denunciar que “nos orzamentos da Xunta de Galicia para 2027 non se inclúe ningún investimento no Concello de Oleiros: nin novas beirarrúas nas estradas autonómicas, nin rotonda en Montrove, nin cuberta no colexio Parga Pondal, nin ventás no colexio Luis Seoane, nin ampliación do porto de Lorbé nin bombeo para o saneamento, nin investimentos nas melloras da rede de auga comarcal. É indignante o constante uso partidista das institucións por parte do Partido Popular”.
Máis novas
Nova ofensiva do Concello de Oleiros pola finalización da Vía Ártabra

