A Federación de Servizos de CCOO valorou o acordo logrado este luns na mesa de negociación do convenio colectivo de hostalaría da provincia da Coruña, despois de semanas de mobilizacións.
O novo texto, informa, asinado tanto polas organizacións patronais como polos sindicatos CCOO, CIG e UXT, establece “un marco de estabilidade para o sector e incorpora melloras salariais, organizativas e laborais para as persoas traballadoras”.
Para CCOO, este acordo “supón un avance nas condicións laborais e salariais para as traballadoras e traballadores da hostalaría, especialmente pola incorporación dunha cláusula de revisión salarial vinculada ao IPC e polas melloras introducidas na organización dos horarios”.
“Esta referencia ao IPC non terá límite máximo e implicará, tamén o abono dos atrasos correspondentes”, remarca o sindicato. Ademais, subliña que en canto aos incrementos salariais pactáronse subidas do 3% en 2026, do 3,5% en 2027, do 3% en 2028 e do 3,25% en 2029. Ademais, coa nómina de outubro abonarase unha paga extraordinaria lineal de 500 euros, sinala, entre outras cuestións.
Nace na Coruña unha plataforma para que os hostaleiros atopen camareiros de urxencia

