A xuíza do xulgado 3 do Tribunal de Instancia de Betanzos decretou o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza dos oito detidos, un deles membro das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, nun operativo contra o tráfico de drogas en varias localidades da provincia da Coruña.
Segundo informaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), nesta xornada pasaron a disposición xudicial cinco detidos e, na do domingo, outros tres arrestados no marco da mesma causa. O operativo foi levado a cabo pola Garda Civil, a Policía Nacional e Vixilancia Aduaneira.
Estas oito persoas detidas están investigadas por un delito contra a saúde pública por substancias que causan grave dano á saúde en cantidade de notoria importancia e por pertenza a organización criminal. A maiores, dous dos arrestados que pasaron este xoves a disposición xudicial están investigados por tenza ilícita de armas e un terceiro por revelación de segredos e acceso ilícito a información reservada.

