A banda británica Take That actuará o próximo 15 de xullo no Coliseum da Coruña, dentro da programación do Gozo Festival, segundo informa a organización. Take That chegará á cidade herculina na súa xira ‘Dreamers Tour’. O anuncio chega apenas uns días despois do lanzamento de ‘Dreamers’, o décimo álbum de estudo da banda, publicado este pasado 20 de novembro.
O novo traballo abre un capítulo máis na traxectoria do grupo e reúne 12 cancións, entre elas algúns dos seus últimos singles, como ‘You’re A Superstar’, ‘Sweet July’, ‘Feel My Love’, xunto ao cantautor Michael Patrick Kelly, e ‘Higher’, ademais do tema que dá título ao disco.
Con máis de tres décadas de carreira, Take That continúa conectando con distintas xeracións de público grazas a un repertorio que combina novas cancións con grandes éxitos como ‘Back for Good’, ‘Patience’, ‘Shine’ ou ‘Rule the World’.
Esta nova xira será unha das máis ambiciosas do grupo nos últimos anos, con 31 concertos en 31 cidades de 16 países durante o verán de 2027.
O percorrido arrincará o 3 de xuño en Zúric e pasará por Alemaña, Polonia, Lituania, Estonia, Noruega, Suecia, Dinamarca, Francia, Países Baixos, Irlanda do Norte, Irlanda, Luxemburgo, España, Italia e Austria. As entradas poranse á venda este venres, con preventa o xoves.
Roger Waters
Ademais, uns días antes o 4 de decembro, o Coliseum da Coruña acollerá o espectáculo ‘Roger Waters Legacy – A Pink Floyd Show by Harry Waters Band’. O mesmo permitirá revivir a música de Pink Floyd coa escenografía orixinal vinculada ás producións da lendaria banda.
2.00
horas.

