A vida familiar que hai dentro dos Centros Educativos de Educación Infantil e Primaria (CEIP) é un mundo bastante agochado. Pouca xente, ata que o vive en primeira persoa, coñece o funcionamento, e o incansable traballo das Asociacións de Nais e Pais nos colexios públicos.
E moitas veces, no canto de agradecer este esforzo voluntario por mellorar a calidade da ensinanza dos nenos e nenas, a ignorancia provoca que algunhas familias o único que fagan é criticar, no canto de agradecer ou animarse a colaborar.
Co afán de poñer en valor este traballo colaborativo que protagonizan centos de familias de toda a cidade, que fan que as comunidades escolares sexan un dos alicerces da nosa sociedade, comezamos esta serie de entrevistas con varias das ANPAS da cidade. Entrevistas nas que afondamos sobre as carencias, a falta de apoio institucional, e a asunción de responsabilidades que administracións como a Xunta delegaron nas familias.
Porque cómpre lembrar, que a día de hoxe, o horario oficial no que os centro de ensino asumen a custodia, e educación, das crianzas, é de 9:00h a 14:00. 5 horas que para nada reflicten os ritmos da sociedade actual, e que non respectan unha conciliación adecuada. Deste xeito, de non ser polas ANPAS, nas que recae o peso da organización de servizos tan necesarios como o de madrugadores, o comedor (que foi das cociñas dos centros que só quedan polo rural) ou as actividades extraescolares, e que permiten ampliar o horario “escolar” entre as 8:00h e as 18:00h, sería imposible facer unha xornada laboral completa para calquera traballador/a.
Facemos a primeira parada no CEIP Salgado Torres, a cabalo entre o barrio de Monelos e a 2ª Fase do Polígono de Elviña, para falar coa ANPA Avantar.
- 1. Pensades que vos corresponden ás competencias de organización de comedor e actividades extraescolares?
– ANPA Avantar do CEIP Salgado Torres: Cremos que non debe recaer nas ANPAS a responsabilidade do comedor. Para nós debería ser algo que xestiona a Xunta. No caso das actividades extraescolares, quizais si parece máis xusto que nos fagamos cargo delas.
- 2. Cales son os cambios principais que proporíades ao respecto?
– ANPA Avantar do CEIP Salgado Torres: Os principais cambios que proporíamos son que os centros se fagan cargo dos comedores escolares e que se faciliten un pouco máis determinadas actividades extraescolares, como as que ofrece a Federación de ANPAS, organización que depende do Concello da Coruña.
Estas actividades son máis baratas e, polo tanto, máis accesibles para algunhas familias que non poden afrontar o custo das actividades privadas. O problema é que non se ten en conta o tamaño dos centros ou o alumnado dos mesmos, esixen ratios para todos os centros sen ter en conta que nalgúns hai menos nenos e o mínimo necesario para conseguir realizar unha actividade.
- 3. Credes que debe cambiar algo na relación das ANPAs coas administracións?
– ANPA Avantar do CEIP Salgado Torres: Cremos a relación entre ANPAs e adminitracións é directamente inexistente. Debería haber algún xeito de comunicarnos directamente con eles, xa que a única forma que existe actualmente é por correo electrónico, e é entón cando temos a sorte de recibir resposta.
- 4. Cales dirías que son os problemas principais aos que se enfronta unha ANPA?
– ANPA Avantar do CEIP Salgado Torres: Os problemas máis importantes que ten a nosa Anpa son fundamentalmente a escasa participación ou falta de motivación por parte das familias no que propoñemos, tanto a nivel de actividades, melloras no centro, etc.
Ademais, tamén nos atopamos cunha falta de información sobre como xestionar unha Anpa e unha falta de axudas para poder seguir realizando o noso traballo.
- 5. Canta xente diríades que se implica na organización dos servizos da ANPA maís alá da Xunta Directiva?
– ANPA Avantar do CEIP Salgado Torres: No noso caso concreto non contamos coa axuda de ninguén, os únicos que colaboramos somos os da Anpa, somos 8 persoas.