O escritor e profesor coruñés Miguel López, coñecido como ‘O Hematocrítico‘ nas redes sociais, faleceu este luns. O autor de libros infantís, que tiña 47 anos e cobrou protagonismo en Twitter (agora ‘X’) cun marcado perfil humorístico, estaba no seu domicilio coa súa parella, a escritora Ledicia Costas, cando sufriría un infarto.
Costas confirmou o falecemento en redes sociais. “Desde unha dor inmensa teño que contarvos que esta tarde se ha ido o meu compañeiro de vida e a persoa máis marabillosa que se cruzou no meu camiño. Esteas onde esteas agora mesmo, grazas”, trasladou.
Desde un dolor inmenso tengo que contaros que esta tarde se ha ido @hematocritico, mi compañero de vida y la persona más maravillosa que se ha cruzado en mi camino. Estés donde estés ahora mismo, GRACIAS ❤️
— Ledicia Costas (@LediciaCostas) November 27, 2023
Dirixentes de distintas cores políticas trasladaron a Costas o seu pesar polo falecemento de Miguel López. É o caso da líder do BNG, Ana Pontón; dos socialistas Gonzalo Caballero e Carmela Silva; ou de Ángela Rodríguez ‘Pam’, entre outros.
UNHA TRAXECTORIA ADMIRABLE
Miguel López (A Coruña, 1976), profesor de educación infantil e primaria en A Coruña, fíxose coñecido no mundo editorial como ‘O Hematocrítico’. Toda unha estrela nas redes, foi o responsable de proxectos de humor tan populares como ‘El Hematocrítico de Arte‘, ‘Drama en el Portal‘ ou ‘Los Hermanos Podcast‘. Colaboraba con numerosos medios de comunicación, como a revista ‘GQ‘, onde tiña unha columna sobre crianza, e en Twitter, onde estivo publicando ata o mesmo mediodía de onte, tiña case 160.000 seguidores.
É autor de libros infantís como ‘Felix Feroz‘, ‘Agente Ricitos‘, ‘Max Burbuja‘, ‘Cuadernito de Escritura Divertida‘ ou ‘Lobo con botas‘. O seu último libro, ‘Leo no sabe jugar‘, tiña prevista a súa publicación este mesmo mércores e conta as desventuras dunha panda de rapaces que só sabe xogar con gafas virtuais, artiluxio que un gato lles rompe. O accidente provoca que teñan que encarar como divertirse doutra maneira.
Os seus miles de seguidores en Twitter recordarán que foi López o inventor da palabra ‘tróspido’, que usaba como adxectivo no seu seguimento nesta rede social de programas de televisión. O pseudónimo comezou a usalo a finais da primeira década deste século. Os seus primeiros lanzamentos literarios tiveron que ver coa pintura: entre 2012 e 2014 publicou dous libros titulados ‘El Hematocrítico del Arte‘, nos que co seu humor repetía en papel o que xa fixera na súa conta de Tumblr: retitular cadros con toda a sorna posible.
XERAIS avanza actos para despedilo
A editorial Xerais expresou a súa pesar polo falecemento do escritor coruñés Miguel López, coñecido en redes sociais como ‘O Hematocrítico’, e avanza que haberá actos para despedir ao autor. Así, calquera persoa que o desexe pode enviar as súas condolencias ao correo hematocritico.actividades@gmail.com.
A través dun comunicado, Xerais transmite todo o seu “agarimo á familia e amizades do escritor, mestre e divulgador”, á vez que pide respecto “neste momento de dor”.
A editorial destaca o humor como “elemento común” da súa obra, que “achegou a lectura a toda unha xeración”. O seu estilo “desenfadado” e o modo en que “conectaba cos intereses e códigos dos nenos e nenas deixa un recordo inesquecible en todas as persoas que o coñeceron”.
Miguel López tiña 17 obras no catálogo de Xerais. Hai tan só unhas semanas, chegaba á libraría ‘Caramomia’, unha obra conxunta que o autor asinaba xunto coa autora viguesa Ledicia Costas (a súa parella), Daniel Landesa e María Lado, ilustrada por Martín Romeu, que foi escrita durante a pandemia.
“Lembrarémosche sempre cun sorriso. Grazas, Hemato”, conclúe o comunicado de Xerais.