InicioBARRIOSEsixen que o goberno local tutele o funcionamento do Centro Deportivo do...

Esixen que o goberno local tutele o funcionamento do Centro Deportivo do Castrillón

Publicada o

Por editor

Continúan os problemas no Centro Deportivo do Castrillón. Non paran de chover queixas da prestación do servizo por parte da empresa contratada pola Empresa Municipal de Vivenda, Servizos e Actividades (EMVSA) para xestionar centro.

Dende o BNG aseguran que o servizo é “moi deficiente” pero ademais denuncian que “está a lesionar os dereitos fundamentais do seu cadro de persoal ao adoptar represalias contra traballadoras e traballadores por teren denunciado o mal funcionamento do complexo”.

A situación é dunha “extrema gravidade”, a xuízo do portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera, quen a colocará no Pleno do vindeiro xoves 14D en forma dunha pregunta oral: “É coñecedor o Goberno Local das condicións nas que está prestando o servizo a empresa contratada por EMVSA para a posta en marcha do Centro Deportivo do Castrillón?”, inquirirá Jorquera ao Executivo coruñés.

Lembra Jorquera que, contra o criterio do BNG e tamén da veciñanza, o Goberno Local decidiu no seu momento desbotar a xestión directa do Centro Deportivo do Castrillón, optando por unha concesión conxunta co Centro Deportivo de San Diego.

Mentres esa licitación conxunta non se realizar, EMVSA recibiu a encomenda, a esta altura xa caducada, de xestionar o centro deportivo. “O problema é que esta empresa municipal non contaba cos recursos suficientes para o facer, polo que se viu obrigada a subcontratar a xestión cunha empresa privada”, sinala o BNG.

Denuncian que a subcontrata privada ten “irregularidades que son sistemáticas. O cadro de persoal é insuficiente para atender os labores asignados. O persoal vese na obriga de realizar de xeito simultáneo diversas tarefas: labores de mantemento, socorrismo, como monitoras/es, en moitas ocasións sen teren a titulación precisa”, relata Jorquera.

A situación chega ao punto de que ten habido veces en que “o persoal tense que desprazar para realizar outros labores, abandonando as funcións que tiñan asignadas e ficando as persoas usuarias das instalacións sen a súa atención”.

O persoal loxicamente denunciou estas deficiencias a través dun comunicado público e a empresa, no canto de tentar arranxalas, cargou contra os dereitos máis elementais das traballadoras e os traballadores: “Obrigounas a asinar un escrito conforme non estaban afiliadas a ningún sindicato, vulnerando así dereitos fundamentais, como o dereito a se sindicar libremente e a non poder ser forzadas a declarar a súa afiliación”, denuncia Jorquera.

A cousa non rematou aí e as represalias traducíronse en despedimentos. “É unha situación intolerábel. O Goberno Local ten a obriga de tutelar as condicións nas que se prestan os servizos municipais. Ten que garantir o cumprimento por parte das empresas das súas obrigas e por suposto ten que garantir que se respecten os dereitos das e dos traballadores”, conclúe Jorquera.

Máis novas 

Denuncian coacción aos traballadores na empresa que xestiona o Centro Deportivo do Castrillón

O PP esixe solucionar as graves deficiencias denunciadas polos usuarios do polideportivo de San Diego

 

ÚLTIMAS

A alcaldesa da Coruña insiste en pactar co BNG os orzamentos do 2027 e Avia Castro responde que non hai nada que dialogar

A alcaldesa da Coruña, a socialista Inés Rey, apelou ao diálogo co BNG para...

Trinidad Palacios (Sumar Coruña) aposta por recuperar “a ambición, a vangarda e o carácter progresista da Coruña”

Despois de presentar ao candidato de Podemos, esta fin de semana tocaba coñecer outra...

Tres voltas a María Pola polas Escolas Infantís

Máis de 300 persoas reuníronse este sábado en María Pita, para defender as Escolas...

Inés Rey apela ao Goberno central para evitar novos casos como o de Mari Carmen e critica a “inacción” da dereita

A alcaldesa da Coruña, a socialista Inés Rey, defendeu o “compromiso” do Goberno central...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here