Entre a Falperra e os Mallos, silencioso nun primeiro piso enriba dunha oficina de Abanca, o Centro Ocupacional Pascual Veiga leva 16 anos (dun total de 35 anos de existencia) ofrecendo un espazo dirixido a persoas adultas con diversidade funcional intelectual.
25 persoas usuarias adultas pasan alí as xornadas diarias, mellorando as súas competencias e autonomía, gracias a este recurso, comandado polas Asociación de Nais e Pais do Centro.
Pero o seu futuro está no aire, unha vez que a propiedade do espazo sito na Rúa Vila de Laxe está considerando reverter a concesión. Falamos dun local cedido coa intervención do Concello, pero de propiedade da Fundación Abanca. E segundo puideron coñecer dende o Centro Ocupacional, non parece que entre nos plans da Fundación estender o convenio que caduca en 2030, segundo lle trasladaron cando lle solicitaron realizar unhas obras no local.

O BNG preguntaba no pleno de onte pola situación ao goberno municipal, solicitando que axudase ao Centro a manter o arraigo no barrio no que leva 16 anos, mediando con Abanca para estender o convenio ou conseguindo outro local.
A Concelleira de Servizos Sociais Nereida Canosa asegurou que “temos sensibilidade”, pero recoñeceu que “non é propiedade do Concello, polo que non nos podemos comprometer ao que pase despois do 2030”. Exlicou que levan varias reunións coa propiedade, como a de maio, na que “non tivemos un compromiso de renovación, pero non dixeron que non, de feito, faremos unha nova reunión”, sinalou en relación a Abanca.
O Concello tamén propón un posible traslado a un local municipal no barrio de Monte Alto, deixando claro que “este concello non os vai deixar só”.
Máis novas
O goberno local da Coruña manterá a conxelación de taxas e tributos o próximo ano

