InicioCULLEREDODous anciáns de 90 anos, ciscados na rúa en plena noite por...

Dous anciáns de 90 anos, ciscados na rúa en plena noite por unha Ambulancia

Publicada o

Por Ubaldo Cerqueiro
  • “Non pode ser que un médico te salve a vida, que salgas do Hospital e te mate a burocracia”, asegura a filla dunha parella que anciáns que viviron a cara máis indigna dos protocolos de alta hospitalaria.

— — —

O abandono das persoas da terceira idade con altos graos de minusvalía polo servizo público de saúde é lamentable. A existencia de baleiros legais do sistema administrativo do Sergas, a falta de control das empresas privadas que conseguen as adxudicacións (e que teñen innumerables problemas laborais) tras o proceso de privatización dun servizo tan básico como este, e a mala xestión das propias empresas, provocan situacións como as que viviu a semana pasada unha familia de Culleredo.

A pesar da “brillante” atención médica que recibiu a nai de Beatriz M.B., de 90 anos, esta familia denuncia “un claro caso de violación dos dereitos humanos e abandono na rúa de dous anciáns”, provocado polo “protocolo do servizo privatizado de ambulancias pero a cargo do Sergas”.
Unha situación semellante xa saltou á prensa cun soado caso en Girona, e outro caso en Alacante. Pero o de Culleredo é aínda máis sangrante.

Falamos de Manuela B.L. e de Blas M. T., unha parella do Burgo. Manuela ten 90 anos, un 99% de minusvalía aprobado pola Xunta, e vén de sufrir unha fractura ósea nun brazo e unha extirpación dun ollo no último mes. Unha vez que a filla é autónoma, a única persoa que pode coidala no día a día é o seu marido. Pero Blas, aos seus 94 anos, ten un cancro de pulmón e o peor que lle pode pasar é coller frío.

Ambos, tras unha revisión á que acodía Manuela a semana pasada, foron ciscados na rúa ás 20:00h, en plena escuridade, ás portas do Centro de Día onde pasa as xornadas diurnas. O centro de día a esas horas xa estaba pechado, pero como o protocolo obriga ao servizo de ambulancias a devolver ao paciente ao mesmo lugar onde o recolle, nada puideron facer os profesionais para evitar deixar tirados na rúa a esta parella de anciáns. “Non pode estar á intemperie na rúa”, lamenta a filla. “Coa escuridade e co temporal que fai estes días, é inhumano”.

Protocolos

”Eu entendo que teña un protocolo, pero nós cumprimos todo o protocolo e o resultado é que deixaron aos meus pais, con máis de 90 anos, tirados na rúa”, explícanos Beatriz. Como é posible que teñamos uns médicos magníficos, que xa lle salvaron 4 veces a vida á miña nai, e que despois pasen cousas coma estas. Como é posible que un médico te salve a vida, que salgas do Hospital e te mate a burocracia!”, lamenta. “Estamos indo cara o sistema americano, que esquece de que somos persoas”.

Porque Beatriz cumpliu todos os protocolos, de feito foi o médico de cabeceira, con 24 horas de previsión, o que solicitou o servizo de ambulancia para transporte de persoas minusválidas (servizo con diferente protocolo ao das Urxencias). Pero ninguén lle explicou dende que en 2018 comezou o periplo hospitalario da súa nai, de que tiña que sacar un carnet de atención preferente.

Con este panorama, xa o día antes da operación, unha teleoperadora chamaba a Beatriz para infomarlle de que ían contradicir o informe do médico, que pedía acompañante sanitario, e Manuela, unha persoa absolutamente dependente, ía viaxar soa na ambulancia.
Así, despois da revisión do brazo, e tras esperar 2 horas, a ambulancia recollía no CHUAC a Manuela e Blas. Eran as 19:30h e xa á saída Blas explicáballe que o Centro de Día estaba pechado, e que se podía deixalos no seu domicilio. Pero toparon coa burocracia e o poder dos protocolos, que neste caso, sinalan que o punto de recollida e o punto de destino teñen que ser os mesmos. Nese momento, ante a insistencia de Blas, o condutor parou, alonxouse uns metros e fixo unha chamada, entende Blas, para preguntar a posibilidade de deixalos en casa. Pero á volta, explicou que o Coordinador lle dixera que era inviable: “Síntoo moito, teño que deixarvos aquí”, dixo o condutor, “deixándoos tirados na puñetera rúa”, como reitera unha e outra vez chea de rabia Beatriz, que non se pode imaxinar como o seu pai conseguiu solventar a papeleta cando se viu coa súa muller, na rúa Pintor Arguelles, detrás do Gadis do Paseo Marítimo do Burgo, unha rúa sen luz case, sen bares… e conseguiu coller un taxi. “Non me quixo chamar para non preocuparme porque ademais sabía que eu estaba traballando, e me chamou cando xa estaba na casa”, explica Beatriz.

Dase ademais a circunstancia que o Concello de Culleredo non ten servizo de taxi subvencionado para os minusválidos, como si o ten o Concello da Coruña, pero si que se pregunta Beatriz por que non chamou alguén a Protección Civil para solventar esta “situación de violación dos dereitos humanos”.

Reclamacións e posibles denuncia

”Estas persoas que non puido levar nin o COVID e que agora os machacan a política e a administracións”, lamenta unha Beatriz que xa prepara as reclamacións tanto á empresa adxudicataria como ao Sergas.

Formúlase a posibilidade de facer unha denuncia pola vía penal, porque “houbo tantas neglixencias que se pode denuncialo por varias vías”, pero sendo autónoma e cos seus pais a esa idade tampouco ten recursos para enfrontarse a toda unha administracións. “É un tema tan grave, estamos falando dunha violación de dereitos humanos, que vai por riba de calquera protocolo”.

Con todo, a súa intención é que se vexa, que se sumen aos casos de Girona e Alacante, e que a sociedade reaccione e esixe que a Xunta non privatice estes servizos tan básicos coma este ou que polo menos fiscalicen as adxudicacións.

Novas relacionadas

”Fóra empresas do sistema público de emerxencias sanitarias”

ÚLTIMAS

DÉPOR, DÉPOR, DÉPOR… SEMPRE DÉPOR!

Milleiros de persoas, hai quen apunta case 100.000 persoas, celebran xa o ascenso do...

Condenan ao Sergas a indemnizar con 70.900 euros por falta de medios no CHUAC a unha muller que sufriu un ictus

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a condena ao Sergas a indemnizar con 70.900 euros por...

Unha campaña arqueolóxica no Castro de Elviña investigará a causa da desaparición dunha das torres

O Concello da Coruña comeza este luns unha nova intervención arqueolóxica no Castro de Elviña para determinar...

Luisa Villalta, a poeta “valente” que retratou “con humanidade” a prostitución do barrio coruñés do Papagaio

A fotógrafa Maribel Longueira di estar 'enluisiada' polo moito que se fala sobre o poeta Luisa...

1 COMENTARIO

  1. Muchos se ganan la vida salvando a gente, pero otros, viven y muy bien, a base de las enfermedades de los demás y siendo millonarios, de los más del mundo hacen cosas como esta. Ahora ya se llaman de otra manera, para< seguir haciendo daño a los demás por simple dinero……lo que les sobra. La mujer del Gerente de Prosaga es la hija del ex dueño de Fadesa. Igual no lo saben. https://www.elcorreogallego.es/hemeroteca/sos-sanidade-publica-denuncia-sergas-mala-calidad-agujas-inyectar-insulina-diabeticos-CTCG1015667

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here