InicioECONOMÍABiciCoruña: 11,50 euros por alugar unha bicicleta durante un día; 16,75, tres...

BiciCoruña: 11,50 euros por alugar unha bicicleta durante un día; 16,75, tres días; e 40, un ano

Publicada o

Por Ángela Precedo

Moverse en coche polas grandes e xa non tan grandes cidades galegas é unha auténtica tortura. Chegas antes a pé que conducindo, tendo que agardar a que ducias de semáforos se poñan en verde, a que centos de coches che deixen pasar na rotonda de entrada ao centro ou a que os pasos de peóns se liberen de actividade para avanzar outros cinco metros. E ollo, máis vale que non te equivoques de rúa, pois pode saírche caro, pois hai tantas rúas de sentido único que ao mellor para chegar de novo a onde estabas tes que dar voltas durante outros 10 minutos no coche. Iso xa por non falar da odisea de atopar unha praza nun dos ‘parkings’ carísimos que hai no centro das urbes, onde semella que sexa ou non hora punta hai coches que xa viven neles, porque non se moven do sitio.

Fronte a esta situación, as fórmulas de mobilidade compartida vanse abrindo paso pouco a pouco nas nosas cidades, a pesares de que en moitos casos carecen de transparencia no prezo das súas tarifas, de mala información sobre o seu uso e de deficiencias nos seguros que ofertan para cubrir aos seus usuarios. Será que a cousa aínda é demasiado nova e queda moito por mellorar. Pero máis vale que sexa rápido, pois á densidade do tráfico máis cedo que tarde vaise sumar outro problema difícil de solventar se non gozas dunha economía boiante: a introdución das Zonas de Baixas Emisións que, a pesares das demoras, a Unión Europea esixe que entren en funcionamento en todas as localidades de máis de 50.000 habitantes de xeito inmediato. Ou tes cartos para mercar un coche novo ou tes que deixar o que tes na casiña.

A necesidade de buscar alternativas propiciou a aparición de novas solucións, como os servizos municipais ou privados de aluguer de bicicletas, motos, patinetes e mesmo coches eléctricos. Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) analiza como están estes servizos en 23 cidades españoles, e unha delas e A Coruña, polo que dende Galicia Confidencial comparamos cal é a situación desta cidade galega respecto ás demais, a grandes urbes como Madrid e Barcelona e a outras cidades máis pequenas como León. A opción está aí en todas as urbes, o que cambian (e moito) son as tarifas e hai moita opacidade co tema da cobertura dos seguros.

Actualmente cálculase que xa hai en España máis de 1 millón dos chamados vehículos de mobilidade persoal circulando polas nosas rúas. En moitos casos, o seu uso está ligado a plataformas de ‘sharing’, que se xestionan mediante unha ‘app’ móbil na que se introducen datos persoais e de pago, así como o carné de conducir se se trata dun coche ou dunha moto. Unha vez identificado o condutor, só hai que buscar no mapa onde hai un vehículo preto, reservalo por un certo tempo, desbloquealo mediante a propia ‘app’, conducilo ata onde se desexe e aparcalo xa sexa nun punto habilitado ou libremente, segundo esixan as condicións do servizo. A comodidade é patente.

SE ALUGAMOS A BICI DURANTE TRES DÍA OU AO ANO SAE MÁIS Á CONTA

Así as cousas, os concellos apostaron principalmente polo ‘sharing’ de bicicletas, de entre todas as alternativas posibles, por ser tamén a que se pode ofertar a uns prezos máis asequibles e a que pode presentar unha maior variedade de oferta. Ademais, neste caso apenas hai restriccións de uso por idade, de tal maneira que poden ser usadas tanto por menores de idade como por maiores de 65 anos. A pregunta que se fixo a OCU e a que tamén nos ronda a nós é: canto custa alugar unha bicicleta por un día, por tres ou anualmente na cidade da Coruña? É moito máis caro ou barato que noutras urbes españolas?

Os datos do estudo realizado pola OCU céntranse no servizo ofertado por BiciCoruña, que conta tanto con bicis eléctricas como mecánicas. Usala un día para realizar un par de viaxes de 25 minutos pode ser bastante custoso para o peto: 11,50 euros, o que sitúa á cidade herculina como a sexta máis cara de España dentro das 23 analizadas pola organización (entre as que se atopan as principais capitais de provincia do Estado). Só resultaría máis custoso o aluguer en Barcelona, que sairía ao día en 36,10 euros co servizo de Bicing ou a 12 euros co de Cooltra; en Bilbao, polo que habería que desembolsar 25 euros a Bizkaibizi; e en Málaga, onde o aluguer de bicicleta por día da empresa Bolt sairía por 12,50 euros. Pola contra, os prezos máis baratos son os que ten BicimadGo en Madrid (1 euro), Tucycle en Xixón (1 euro), Albabici en Albacete (2 euros) e Tusbic en Santander (2 euros).

Pola contra, se subimos o número de días de uso da bicicleta a tres (se por exemplo somos un visitantes puntuais á cidade que facemos uns cinco traxectos diarios de 15 minutos), a cousa sae máis a conta, e A Coruña está na media de todas as cidades, cun custe de 16,75 euros polo uso dunha bici durante tres días. E se nos vamos a un usuario frecuente deste transporte público, que realiza dous traxectos diarios de 20 minutos cinco días á semana durante os 12 meses do ano, o coste anual quédase nos 40 euros, o que tamén deixa á cidade herculina na media das capitais de provincia estatais (entre os 2.600 que escandalosamente custa o servizo de bicis Bolt en Málaga e os 12 que custa o de Alsa Next Bike en León).

MÁIS DE 56 EUROS AO MES POR UNHA MOTO OU 2.184 AO ANO

Se falamos doutro tipo de transportes públicos como poden ser os patinetes ou as motos, a cousa non sae nada a conta. A Coruña directamente xa non conta con servizo municipal de patinetes eléctricos (de feito estes están a supoñer un auténtico problema obxecto de debate político en moitas cidades galegas). Si conta con servizo de motos, da compañía Moter, pero este é sumamente custoso. Alugar unha motiño por un día na cidade non é demasiado caro, mesmo sae máis á conta que alugar unha bici: a 9,30 euros (a cidade máis cara sería Barcelona, onde a compañía Seat Mó deixa a moto a 14 euros por día; e as máis baratas serían ofertadas pola empresa Cooltra, en Sevilla e Valencia, a un custe de 6,50 euros).

Iso si, cando se suben os días de uso da moto o custe ascende perigosamente, poñendo en xaque ao peto. Polo seu uso durante tres días, Moter déixanos a moto por 56,25 euros, a cuarta tarifa máis cara de España, pois só tería un maior custe o mesmo servizo ofertado por Cabify nas cidades de Barcelona, Madrid e Málaga, onde suporía desembolsar 60,75 euros. E se falamos de usar a moto a diario para ir e vir do traballo durante a semana todo o ano, o custe anual sairía á frioleira de 2.184 euros, a quinta maior suma entre as capitais de provincia analizadas pola OCU, só superada polo servizo de Seat Mó, en Alicante, que custaría 3.900 euros; o de Cabify en Barcelona, Madrid e Málaga, que ascendería a 2.808 euros; e o de Yego, en Valencia, que suporía deixarse anualmente 1.844 euros.

ÚLTIMAS

“O Concello non ten vontade de solucionar a folga dos conserxes”

Continúa activa por segunda fin de semana a folga dos conserxes das instalacións deportivas...

Delegados da CIG mobilízanse en apoio a un extraballador municipal da Coruña que reclama o seu reincorporación

Delegados da CIG concentráronse ante os xulgados da Coruña con motivo do xuízo pola...

Dous feridos en Abegondo tras unha colisión entre un turismo e un vehículo de mercadorías

Dúas persoas resultaron feridas nunha colisión entre un vehículo de mercadorías e un turismo...

Dispositivo especial de seguridade este sábaod para o encontro Deportivo-Sporting de Xixón

A Policía establecerá un dispositivo especial desde o sábado polo partido que enfrontará o...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here