Espectacular ambientazo na tarde-noite do martes de Entroido por Monte Alto. Do Campo da Leña ao Campo de Marte, coa rúa da Torre como gran arteria entroideira, o barrio herculino viviu unha festa tremenda neste Martes de Choqueiros que volve ser a referencia que foi. O Concello contabilizou máis de 30.000 persoas disfrutando desta divertida troula.
As rúas de San Xoán e San Xosé servían para que a mocidade fose quecendo o ambiente na parte baixa da festa, cun Campo da Leña tamén ben ateigado de xentes. Pero o bulir de xente pola rúa da Torre ata o escenario sito na parada de bus da entrada do Campo de Marte, espazo xa convertido no campo da festa do barrio, era monumental. Menos choqueiro que antano e máis disfraz mercado, pero tamén moita artesanía entroideira e o máis importante, unha gran porcentaxe de xente disfrazada e facendo as risas.
Polo camiño podías atopar a Susa Cabeza, a Reina Choqueira, que pola mañá, tamén nunha sesión vermú monumental, descubría unha placa na rúa San Xoán como Choqueira do Ano 2024. A carballesa leva disfrazándose no bariu herculino dende 1972 e participando no Concurso de disfraces dende 2010, e xa cunha marea de trofeos no posto de verduras. “O que quere peixe, ten que mollarse os pés” rimaba cargando o seu posto de feira.
Os premios
Xa de volta ao escenario, foron pasando os participantes ante o xurado e o público para determinar os gañadores, que non foron outros que a “Raposa” na categoría individual e os “Kutremberos” na de grupo.
’O león e o seu domador’, ‘Mujer Dakota’, ‘Miss Churra’, ‘Velutina’, ‘La tienda de Monte Alto’, ‘Condesa Araña’, ‘Jardín Encantado’ e ‘Dama de prensa’ tamén levaron premio na modalidade individual.
E na modalidade grupal quedaron entre os mellores ‘Misterios de África’, ‘Feira’, ‘Amish’, ‘Sorteo del Niño’, ‘Eduardo y el pavo de la rotonda’.
GALERÍA
Boa crónica e boas imaxes, mais que as fixo?
Saúde!
A meirande parte son de Rosaura Romo, parte da familia do Xornal, por iso non van asinadas concretamente!
Hai dúas das homenaxes aos persoeiros e do certame de comparsas que son enviadas polo departamento de prensa do Concello.