InicioBARRIOSA AMEGA descubriu a Coruña como gran precursora dos medios en galego

A AMEGA descubriu a Coruña como gran precursora dos medios en galego

Publicada o

Por Ubaldo Cerqueiro

Pechouse na Coruña o ciclo de roteiros xornalísticos para rescatar a memoria da prensa en galego que a Asociación de Medios en Galego vén realizando neste mes de febreiro co gallo do Día dos Medios en Galego.

Despois de pasar pola Estrada, A Pobra do Caramiñal e Compostela, e tralo éxito do Festival de música galega contemporánea celebrado o pasado xoves tamén na cidade herculina, a AMEGA pechaba o ciclo de actividades cun roteiro no barrio de Monte Alto.

Da man dun excepcional guía como Xurxo Souto, gracias á coorganización do Xornal da Coruña e a incombustible Asociación Cultural Alexandre Bóveda, máis de 60 persoas “molláronse pola lingua” e descubriron a potencia da cidade da Coruña como gran precursora da prensa en galego.

Así arrincaba o roteiro, baixo a chuvia, no Campo de Marte, con Ubaldo Cerqueiro debullando a AMEGA e o Xornal
Así arrincaba o roteiro, baixo a chuvia, no Campo de Marte, con Ubaldo Cerqueiro debullando a AMEGA e o Xornal
Roteiro AMEGA Ubaldo Cerqueiro e Xurxo Souto
Ubaldo Cerqueiro e Xurxo Souto

A sesión arrincaba no Campo de Marte, onde Ubaldo Cerqueiro daba conta do nacemento do Xornal da Coruña, o primeiro gran xornal dixital en galego da Coruñaa e comarca, e da intención da AMEGA de darlle visibilidade ás máis de 50 cabeceiras que forman a entidade, así como aos máis de 140 medios que comunican na nosa lingua.

Coa corna de Xurxo resoando polo barrio, a comitiva trasladábase por rúa da Torre arriba cara a segunda parada, na veciña oficinal da Revista Luzes, onde Xosé Manuel Pereiro falou deste proxecto de entidade, e calidade, que aposta polo xornalismo pausado nesta sociedade que sobrevalora a actualidade. “A xente ve ben os medios en galego pero non se comprome”, lamentou, destacando, a contra vento, que “o futuro é o papel”, e acabou véndose obrigado a cantar o mítico himno “Coma o vento”, da súa banda Radio Océano, ao son do acordeón de Xurxo.

Roteiro AMEGA Coruna-Josito Pereiro Luzes
Xosé Manuel Pereiro en Luzes
Xoán Costa, de Nós Diario, no IES Zalaeta, onde foi a imprenta do Hospicio
Xoán Costa, de Nós Diario, no IES Zalaeta, onde foi a imprenta do Hospicio

A seguinte parada foi no IES Zalaeta, o que significou “unha revelación” para moitos dos presentes, como recoñecía o propio Xurxo, xa que “ninguén nolo contou”. Ninguén nos contara o que nos dixo Xoán Costa, membro do Consello de dirección de Nós Diario, outra das grandes referencias dos medios en galego. O IES está situado no que foi o Hospicio, que albergara a primeira imprenta fixa da cidade da Coruña onde xa se publicara en 1808 o pioneiro “Diario de La Coruña”, ou en 1860, o Vello Pico Sagro, o primeiro en galego na Coruña e posiblemente de todo o país.
Costa falou tamén doutras publicacións históricas como o “Álbum de la Caridad”, dun dos primeiros dicionarios galegos impresos no Hospicio en 1873; ou “O Señor Pedro”, unha publicación que contén a primeira publicación científica en galego, como apuntou Martín Pawli, da Asociación Ío.

Maria Xose Bravo A nosa Terra
María Xose Bravo falando sobre A nosa Terra no Papagaio
Roteiro AMEGA Coruna-Carmela Galego e Maribel Longueira
María Xosé Bravo, Maribel Longueira e Carmela Galego

María Xosé Bravo, presidenta da da co organizadora AC Alexandre Bóveda, tomou a palabra no Papagaio para descobrirnos que a gran referencia do xornalismo en galego, A Nosa Terra, 18 anos da explosión das Irmandades da Fala, xa se lanzara dende un despachos dos Cantóns.

O roteiro quixo lembrar tamén a figura de Luisa Villalta, a coruñesa que este ano protagoniza o Día das Letras Galegas. E tivo sorte de contar con Maribel Longueira, creadorado libro “O Papagaio” que relata coas súas imaxes, e con poemas de Luísa, o cambio que viviu este singular barrio. Longueira espera que o libro poida volver editarse este ano.
O lugar foi escollido porque dende O Papagaio tamén Villalta escribiu moitas das súas columnas xornalísticas para a renovada A Nosa Terra ou Tempos Novos. Foi Carmela Galego, vicepresidenta da propia ACAB a que, ademais de destacar esa revolución que propuxo a creadora unindo a historia da literatura e da poesía coa da música, a que destacou “o compromiso” como terceiro alicerce que fai de Villalta unha auténtica pioneira.

Roteiro AMEGA Coruna-Tomas Legido
Tomás Legido contou a historia de CUAC FM

O roteiro remataba no Campo da Leña, onde Tomás Legido resumía 29 anos de asociación e 28 de radio á fronte da CUAC FM, “aradio da cidadanía coruñesa, que a a Asociación Cuac FM só xestiona”, lembrou. Quixo describir o proxecto como “o mellor xoguete da cidade para a xente ao que lle guste a comunicación”, abrindo a emisora a todo o mundo, e lembrou aquel 2017 nos que a radio comunitaria venceu nos xulgados a toda unha Xunta de Galicia que quixo multar con 200.000€ a un proxecto social cunha historia de máis de 450 programas.
Lembrou que CUAC é dos poucos medios da cidade que si cumpre coa Leo do galego, e animou a todo o mundo a achegarse á proxección especial do documental “Nada que ver”, que se vai celebrar o 17 de marzo, no 28 aniversario da emisora, nos Cantones Village, un evento solidario coa Cociña Económica.

Roteiro AMEGA Coruna-CUAC FM
Coa CUAC FM

Xurxo Souto despediu a xornada facendo que toda a comitiva acabase cantándolle ao Orzán, e pechando unha xornada de descuberta e coñecemento da nosa propia historia.

ÚLTIMAS

O novo enfrontamento entre Real Club Deportivo e o Concello impide aos coruñeses disfrutar da festa de María Pita

Nin 24 horas pasaron do histórico ascenso á 2ª División, da multitudinaria festa da...

A Xunta concede autorización ambiental para a planta de produción de amoníaco verde en Arteixo

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático publicou a autorización ambiental integrada a Harmonía Green Galicia...

Nova estación fixa da ITV no polígono de Vío

A Xunta autorizou establecer a localización dunha nova estación fixa de inspección técnica de vehículos no concello...

Persoal do Concello de Cambre demanda unha Relación de Postos de Traballo “xusta”

Persoal do Concello de Cambre reclamou melloras laborais e a negociación dunha Relación de Postos de...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here