Representantes do BNG demandaron a Xunta e Goberno o inicio dunha “vía de diálogo” para o pago de compensacións aos mariscadores e mariscadoras da ría do Burgo mentres non poden faenar, unha vez concluídas as obras de dragado e á espera de que as crías que se están sementando cheguen ao tamaño legal.
Así o expuxeron nunha visita á ría con presenza do deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, que avanzou que, ás iniciativas xa presentadas, sumarán outras para “garantir as axudas necesarias” no período que o proxecto establece para “a recuperación plena do marisqueo“, dixo sobre os 18 a 24 meses.
En declaracións aos medios, apuntou tamén que non estarán “satisfeitos” ata “ver completa” toda a rexeneración da ría, cuestión na que incluíu non só o dragado senón tamén completar o paseo perimetral ou determinar a situación dos bancos marisqueiros para que se algún está afectado, como sostén un informe da Confraría de Pescadores, “fáganse as correccións necesarias”. Pola súa banda, a deputada do BNG no Parlamento galego, Mercedes Queixas, apelou “a non esquecer” os postos de traballo ao redor da ría do Burgo e instou á Xunta a analizar “se as obras responden o proxecto” e que “non haxa alteración” nos bancos marisqueiros.
Así mesmo, pediulle que “asuma” as compensacións ao sector marisqueiro ou, en todo caso, que abra unha mesa de negociación co Goberno “para impulsar un novo convenio que blinde aos mariscadores”. Mentres, o portavoz do grupo municipal do BNG no Concello de Culleredo, Toño Chouciño, insistiu en que a recuperación ambiental da ría “non é só o dragado”. “Quedan actuacións pendentes”, afirmou citando aspectos como a recuperación de especies extinguidas na ría.
REPOSICIÓN DE VIARIOS
Nesta xornada, a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, avanzou ao alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, as actuacións que se van a efectuar nos próximos días para repor aquelas zonas e viarios do concello que resultaron afectados pola execución dos traballos. Foi nunha reunión celebrada na Subdelegación do Goberno e con presenza tamén do xefe da Demarcación de Costas do Estado en Galicia, Carlos Gil, e responsables da empresa adxudicataria.