Pasou o mes dende que a alcaldesa de Cambre rexistrara a moción de confianza vinculada aos orzamentos. Deset xeito, e ante a falta de accións da oposición, os orzamentos de 2024 quedan aprobados iniciamente.
A alcaldesa, María Pan Lesta, sinala que se trata dun “paso imprescindible para seguir avanzando para normalizar a situación da Administración”, a pesar de “ter perdido un mes para os veciños”, lembrando que esta proposta fora rexeitada no pleno de maio co voto en contra de PP, PSOE e BNG, o que lle obrigou a presentar unha cuestión de confianza vinculada a estes orzamentos.
As cifras
O orzamento de 2024 alcanza os 21.080.437,96 euros, experimentando un incremento do 3,95% con respecto a 2023 (20.279.292,2 euros). Aumentan as partidas do gasto en persoal, que servirán para reforzar o cadro de persoal e regularizar contratos precarios, ou bens correntes e servizos.
O gasto en persoal alcanzará os 7.887.566,93 euros (un 5,84% máis que en 2023). Neste apartado incluirase unha provisión de crédito con vistas á realización da RPT, que aínda está en tramitación logo de informes técnicos que indiquen o contrario. Tamén se contempla a previsión para poder asumir o cambio do técnico de Contratación A2 por un A1, cuxo cambio xa foi aprobado no pleno de xuño.
Con cargo ao POS Adicional 2024 da Deputación da Coruña, proponse tamén o reforzo do Servizo de Axuda no Fogar con persoal técnico e administrativo que colaborará na supervisión e xestión do devandito servizo dende o Concello.
O aumento da partida de gastos en bens correntes e servizos, que ascende a 9.370.949,35 euros (cifra que supón o 44,45% do total), formúlase pensando na licitación e adxudicación de servizos básicos: luz, iluminación, mantemento de zonas verdes ou servizos de axuda no fogar, entre outros. Algúns destes pregos xa foron informados por Secretaría e Intervención e actualmente están en proceso de modificacións técnicas para poder sacalo a concurso.
Débedas
O capítulo de gastos financeiros experimentou un crecemento exponencial con respecto ao documento de 2023, rexistrando un incremento do 861,53%. Neste caso, dispón dunha partida para cubrir os posibles xuros que se poidan reclamar por atrasos nos pagos a provedores derivados da problemática de pagamento da área de Intervención. A concelleira subliña que, inicialmente, se destinaron 125.000 euros “porque aínda non se pode determinar cantos intereses poden aumentar pero, de ser o caso, esta partida incrementarase mediante o remanente de tesourería que resulte da liquidación do 2023. plan”.
Investimentos
Tamén se incrementou o capítulo de investimentos nun 14,59%, ata alcanzar os 2.090.147,68 euros. Neste apartado inclúense actuacións financiadas con fondos da Deputación, fondos propios e tamén con axudas Next Generation. A relación é a seguinte:
- Mellora da accesibilidade e seguridade no edificio sociocultural de Cela: 104.704,65 euros
- Mellora da accesibilidade e seguridade dos peóns nas beirarrúas da AC-214 e Rúa Carballo: 73.270,21 euros
- Mellora da accesibilidade en Lendoiro (Fase 1): 173.393,63 euros
- Desenvolvemento da fachada da igrexa de Santa María de Cambre (Fase 1): 264.336,32 euros
- Desenvolvemento da fachada da igrexa de Santa María de Cambre (Fase 2): 42.603,83 euros
- Remodelación da parada da Costa da Tapia: 87.304,04 euros
- Proxecto modificado de creación de bancadas no campo de fútbol Os Pinares de Brexo-Lema: 600.000 euros
- PIREP: 275.082 euros
- Programa de transformación dixital: 108.053 euros
Máis novas
María Pan perde a cuestión de confianza en Cambre, presentada tras non obter apoio para o orzamento