Adif Alta Velocidade constrúe unha estación de tren provisional na Coruña mentres realiza as obras da terminal, cun investimento duns 4,5 millóns de euros.
Esta terminal provisional, que se constrúe próxima á actual (dirección Santiago), fará posible as viaxes de tren e tránsito de viaxeiros, á vez que se realizan as obras necesarias no actual edificio da estación e na praia de vías e plataformas.
A estación provisional non se incluía no proxecto inicial, pero o incremento de demanda levou a ter que facer esta infraestrutura. Coa solución implantada, manterase a operativa da estación, coa disposición de seis vías asociadas a tres plataformas próximas á terminal provisional, de forma que se cobren “as necesidades de tráfico ferroviario e evitando o tránsito de viaxeiros pola zona de obras”, explica Adif.
O novo edificio en execución contará cunha superficie en planta útil de 1.125 metros cadrados, dos cales 147 metros cadrados correspóndense cun espazo exterior cuberto destinado ao control de accesos e 978 metros cadrados para servizos ao viaxeiro (zonas de espera, cafetaría, venda de billetes, aseos) e da propia explotación ferroviaria. A súa estrutura permite a súa ampliación para unha segunda planta. No futuro, estas instalacións empregaríanse como edificio de operadores e contratas ferroviarias.
“Tras a posta en servizo da estación provisional e o novo enclavamiento, abordaríanse de forma conxunta as actuacións de remodelación (edificacións, estruturas, vías, plataformas, catenaria e sinalización) da estación”, informa Adif nun comunicado.
Mentres, a remodelación e modernización da estación da Coruña, cun investimento superior aos 70 millóns de euros, converterá a marquesiña histórica nun gran vestíbulo con zona comercial, unha vez retiradas as vías do seu interior. Habilitará unha nova sala de embarque e reordenará as plataformas baixo unha nova cuberta. Trátase dun edificio histórico que data de 1935 e é o único exemplo do estilo neorrománico do ferrocarril en España.