InicioCULTURAA Coruña vólvese tola por Aitana e Lola Índigo no Morriña Fest

A Coruña vólvese tola por Aitana e Lola Índigo no Morriña Fest

Publicada o

Por Ángela Precedo

Xa o dixo a propia Lola Índigo, ‘que tú no puedes ser rey si no tienes a la reina’, e ao igual que ela, tampouco o Morriña Fest podía coroar a súa cuarta edición sen ter as dúas raíñas de España a nivel musical nestes momentos: Aitana e Lola Índigo. Pois ‘eu gosto di vocce’, que dicía Aitana, e A Coruña que gostou delas e deste festival que, sen dúbida, xa se convertiu nunha das citas imperdibles do verán galego. O Morriña rematou despois de dous días cun cartel cheo de grandes nomes como Louis Tomlinson, Nicki Nicole ou Yandel, pero facendo honor ao seu nome, os asistentes xa sinten morriña do desfrutado estes días, con ganas de máis nunha quinta edición. 

A puntualidade, o espectáculo e os bailes virais do Tik Tok foron os protagonistas nun festival cun cartelón inmellorable. Despois dunha tarde ao ritmo do mellor ‘reggaeton’ antigo (de Yantel) e novo (de Dei V) era a quenda para o prato forte da noite: a catalana Aitana saltaba ao escenario ás 23.15 horas entre os gritos de miles de fans ansiasos por ver á súa ‘ídola’. O espectáculo deu comezo con ‘Alpha09’ e ‘Los Ángeles’. Miles de persoas quedaron abraiadas co inicio dun show que deu moito de si: case dúas horas de concerto. Canción tras canción o público ía acendéndose máis. Mesmo nos seus temas máis lentos, como ‘No te has ido y ya te extraño’ ou ‘Luna’, Aitana soubo sacar partido á música de fondo para poñer a moverse a todo o Morriña.

As súas interaccións co público foron variadas, especialmente para agradecer a todos a asistencia e ler algún das ducias de carteis escritos por moitos dos seus fans nos que lle pedían desde un abrazo ata saír a bailar con ela ao escenario. Cando saudou cun ‘boas noites A Coruña’ escoitáronse os berros de todo o Morriña, que estaba orgulloso de escoitar como a súa cantante favorita falaba en galego. Aitana asegurou que tiña que vir máis por Galicia, porque lle gustaba moito a nosa terra, e tamén respostaba cun ‘graciñas’ aos piropos que recibía.


Un dos momentos que máis acendeu aos presentes foi o que se viralizou en redes sociais cando lanzou a xira: por bailar imitando posturas ‘sexuais’ enriba dun dos seus bailaríns a artista foi moi criticada nos medios de comunicación. Proxectados sobre a pantalla do escenario comezaron a aparecer moitos titulares de medios que expoñían como indebido este comportamento dunha cantante que, segundo indicaban, tiña moitas seguidoras de curta idade. Nun acto de rebeldía, Aitana cantou coa coreografía intacta e sacando o seu lado máis sensual o tema ‘miamor’, mentres entre o público se escoitaban gritos de ‘di que si, raíña’.

Sen dúbida, a canción máis agardada polos asistentes ao festival, con permiso do remix de ‘Mon amour’, con Zzoilo, era a de ‘Las Babys’. Moita xente toleu cando recoñeceu os primeiros acordes do tema, e comezou a cantar a todo pulmón, pero o máis chamativo foi ver a unha gran parte do público, especialmente aos máis novos, bailar ao unísono a coreografía do tema. Non é de extrañar tendo en conta que ‘o petou’ nas redes sociais, máis en concreto no Tik Tok. Ver a deceas de persoas que non se coñecían entre si bailar perfectamente coordinadas deixou unha estampa ben bonita.

LOLA ÍNDIGO, ESPECTÁCULO EN ESTADO PURO CON GALICIA POR BANDEIRA

Despois de Aitana o listón estaba moi, pero que moi alto, e Lola Índigo sabíao, pero non defraudou. Cun parón entre as dúas para escoitar as fermosas cancións de Malmö 040, Lola Índigo saltou ao escenario do Morriña ás 01.45 horas da madrugada. Eran horas de poñer a todo o mundo a bailar, de perreo e de dárlle moita caña, e así o fixo. Comezando por ‘AN1MAL’, a andaluza saiu dun ovo de dragón preparado como atrezo situado no medio do escenario, en alusión ao seu último disco, titulado precisamente ‘El Dragón’. Dende ese momento todo foi música e baile, un espectáculo digno dos mellores concertos de todos os tempos que fixo desfrutar por todo o alto ao público coruñés.

Se por algo se caracteriza Lola Índigo é por bailar como poucas artistas a nivel internacional saben facer, combinando as súas icónicas letras con pasos propios de bailaríns profesionais. A xente no Morriña xa non sabía se bailar ou se quedar pampa observando os imposibles movemento da cantante, que semellaba ter nado para o show. De ‘El Tonto’ a ‘Discoteka’ pasando por ‘La niña de la escuela’, todos e cada un dos seus temas escoitábanse ao mesmo tempo replicados polo público, que os coñecía todiños. Daba gusto ver como a xente desfrutaba como se fose a primeira hora cando en realidade xa eran altas horas da madrugada e despois de levar toda a tarde no recinto.

Pero pagaba a pena agardar, porque Lola Índigo non defraudou e, ao igual que fixera Aitana, deu as grazas a un público que non paraba de cantarlle iso que di: ‘y guapa y guapa y guapa, y reina, y reina, y reina’, mentres ela bailaba co seu característico estilo flamenco. E é que a artista nunca se esquece da súa terra. Tanto é así que tamén interpretou varios dos seus temas e colaboracións de corte máis andaluz, como ‘El condenao’ ou ‘El Pantalón’, que tamén recibiron os aplausos de todos os presentes. Sobre todo despois de que recollese unha bandeira de Galicia que lle tiraron ao escenario e a puxese sobre a testa a modo de paño andaluz. Para Lola o norte é un lugar que lle encanta, como ela mesma recoñeceu tras dicir que leva varios días percorrendoo en autocaravana.

Un dos momentos máis bonitos da noite foi cando Lola Índigo chamou ao escenario a Suzete (‘Operación Triunfo 2023’), para cantar con ela ‘Kombolewa Remix’ e poñer en valor a necesidade de apoiar aos novos talentos. Cando a andaluza dixo que xa tocaba ir rematando e que ía botar o último tema, todo o mundo pensou que se refería a ‘La Reina’, un dos temas do verán, con permiso de ‘Si antes te hubiera conocido’, de Karol G. Cal foi a sorpresa cando en realidade non saiu con ese, senón con ‘Ya no quiero ná’. Pero todo era unha estratexia, porque non tardou nadiña en volver ao escenario unha vez se foi para despedirse por todo o alto, agora si, con ‘La Reina’. Que peche máis inmellorable para un Morriña que, un ano máis, non defraudou!

ÚLTIMAS

“O Concello non ten vontade de solucionar a folga dos conserxes”

Continúa activa por segunda fin de semana a folga dos conserxes das instalacións deportivas...

Delegados da CIG mobilízanse en apoio a un extraballador municipal da Coruña que reclama o seu reincorporación

Delegados da CIG concentráronse ante os xulgados da Coruña con motivo do xuízo pola...

Dous feridos en Abegondo tras unha colisión entre un turismo e un vehículo de mercadorías

Dúas persoas resultaron feridas nunha colisión entre un vehículo de mercadorías e un turismo...

Dispositivo especial de seguridade este sábaod para o encontro Deportivo-Sporting de Xixón

A Policía establecerá un dispositivo especial desde o sábado polo partido que enfrontará o...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here