A ocupación hoteleira na cidade da Coruña situouse este verán en torno ao 85 por cento, segundo os datos achegados pola alcaldesa, Inés Rey, tras un encontro con representantes da hostalaría e axentes turísticos para facer balance da tempada.
De “moi positivas” cualificou a rexedora estas cifras, entre as que citou un retorno económico total estimado para a cidade durante o verán de 89,4 millóns de euros, “incluíndo impacto directo e indirecto”.
“Estes datos mostran o éxito das nosas festas”, manifestou Inés Rey, quen remarcou citas como a actuación de Omar Montes, “marca de asistencia a un concerto en María Pita, 25.000 persoas”; o Festival Noroeste, “o evento máis masivo do verán, 135.000 espectadores”; ou o Morriña Fest, con 40.000 asistentes.
En total, incidiu, “máis de 660.000 persoas asistiron ás festas de María Pita e a eventos patrocinados ou promovidos polo Concello durante os meses de xullo, agosto e o que vai de setembro”. “Unha cifra que supera amplamente o dobre da poboación da cidade”, aseverou.
Respecto da ocupación hoteleira, a rexedora apuntou a “un 80% no mes de xuño, 2,5 puntos máis que o ano pasado; un 85% en xullo, medio punto máis; e un 90% en agosto, 2,6 máis”, así como a un “incremento” da estancia media de “3,4 días fronte a 3,2 en 2023”. “En setembro, o obxectivo é chegar ao 85%”, avanzou.
“Son unhas cifras boas que confirman que A Coruña é o motor turístico de Galicia”, destacou para sinalar tamén un “aumento” no número de visitantes estranxeiros. “No primeiro semestre do ano creceu un 26%”, dixo, en relación co ano anterior.
En canto ao aeroporto de Alvedro, a alcaldesa recalcou os datos de pasaxeiros cun total de “713.000 de xaneiro a xuño”. “Esperamos superar o millón no conxunto do ano”, puntualizou.
VIVENDAS USO TURÍSTICO
Sobre as vivendas de uso turístico, Inés Rei cifrou nun 85% a ocupación en xullo e nun 91% en agosto, “cun 100% nas principais semanas do verán”. A preguntas dos xornalistas sobre a regulación destes inmobles, afirmou que está “a piques de terminarse” a súa formulación.
Estes datos coinciden coas cifras achegadas pola Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia, Avirtuga, que engade unha ocupación media do 42% no mes de xuño. Destaca, ademais, a existencia dunha “demanda non satisfeita, planificada a última hora” e apunta a unha “mellora” da desestacionalización.