O maxistrado do Xulgado do Penal número 3 da Coruña condenou a dous anos de cárcere e ao pago dunha multa de 1.680 euros a un condutor sen carné que se deu á fuga, a gran velocidade, de varios efectivos policiais, quen o perseguiron durante unha media hora por diversas rúas da Coruña.
Durante a fuxida, segundo consta na sentenza, o procesado “non respectou as máis elementais normas de precaución (conduciu a unha velocidade excesiva, non respectou semáforos en fase vermella, o sentido de varias vías, varios sinais de tráfico, etc.) creando un risco inaceptable para os demais usuarios da vía pública”.
O condenado, segundo consta na sentenza, conducía un vehículo pola rolda Camilo José Cela durante a madrugada do 6 de novembro de 2021, “a pesar de que non obtivera nunca ningún tipo de autorización que lle permitise conducir vehículos a motor e ciclomotores e, ademais, previa a inxesta de cocaína e benzoilecgonina, sustancias que diminuían as súas capacidades psicofísicas en orde á condución”.
Axentes da Policía Local que se atopaban na zona comprobaron pola matrícula que carecía de seguro e da preceptiva inspección técnica, polo que accionaron as luces de emerxencia e fixéronlle acenos para que se detivese. O condenado, segundo sinala o maxistrado, “fixo un simulacro de facelo, pero, con intención de subtraerse á acción policial, emprendeu a fuxida a gran velocidade”.
VIOLENCIA
“A condución terminou cando se introduciu no poboado das Rañas e quedou atrapado nunha vía sen saída, e, aínda que tratou de fuxir a pé, foi localizado escondido nas inmediacións e detido”, sinala o xuíz na sentenza, na que destaca que, unha vez localizado “tratou de evitar a lexítima actuación policial, obstaculizándoa en todo momento co seu corpo e tentando irse do lugar, facendo forza tratando de zafarse dos axentes, obrigando a intervir a varios policías que ante a súa actuación obstructiva tiveron que reducilo e engrilletalo”. Todo iso, ocasionou lesións a un axente e, outro, golpeouse.
O xuíz considerouno autor dun delito de condución baixo a influencia de drogas, absorbido por un delito de condución temeraria, en concurso ideal cun delito de condución dun vehículo a motor sen obter nunca permiso ou licenza de condución, considerándose a infracción máis grave o delito de condución temeraria. Tamén se lle atribúe un delito de resistencia e un delito leve de lesións.
Ademais da pena de cárcere, impúxolle a privación do dereito a conducir vehículos a motor e ciclomotores durante catro anos, así como o pago dunha indemnización de 259 euros a un dos axentes. A sentenza non é firme, pois cabe presentar recurso ante a Audiencia Provincial.