InicioCULTURAPepe Cunha, 25 anos á fronte do mellor programa de música galega...

Pepe Cunha, 25 anos á fronte do mellor programa de música galega contemporánea, “Ábrete de Orellas”

Publicada o

Por Ubaldo Cerqueiro

Non esaxeramos se Ábrete de Orellas é o mellor programa de música galega contemporánea. E seguramente o máis lonxevo tras case 25 anos nas ondas. Ademais de en diversas plataformas online, este programa libre de autor sae nas ondas das emisoras da Rede Galega de Radios Libres e Comunitarias, facendo unha labor de altofalante das novas creacións dos atistas do noso país impagables.

O seu compromiso demóstrase nas continuas mostras de cariño que a comunidade artística lle dedica cada dous por tres, deixando patente a necesidade de que espazos coma este manteñan a actualidade de todo o que se crea no país.

Falamos con Pepe Cunha, unha lenda das ondas pangalaicas.

 

– Máis de 550 programas de Ábrete de Orellas… E disme que eses son dende o 2013, pero que antes xa estiveras nas ondas? Cantos anos levas espallando a música galega?

Regresei ás ondas en outono de 2013 e si que esta etapa está moi centrada na música que se fai na Galiza, estes 550 programas. Os comezos foron na emisora universitaria de Ferrol Radio Kaos a finais de 1997, pero non compartía case nada de música galega, algo que foi mudando cos anos e coa nova etapa tras a creación da comunitaria Rádio FilispiM, xa neste século. Digamos que coa música do país vou para os 25 anos.

– Como foi o comezo a gravar o programa? Que foi o que che levou a darlle ao rec?

Se de adolescente compartía música en K7s e festas e celebracións, logo tocou a hostalaría de DJ e probar cun carácter amador nunha radio. O irmán dun ex-compañeiro de instituto viu que a miña letra aparecía en moitas K7s que había na súa casa e pensou que eu tiña que compartir músicas en Radio Kaos. Eu rematara a carreira, volvera a Ferrol e tiña que ocupar a miña vida con actividade. Aprendín de cero e a base de me escoitar e apuntar erros.

– En que plataformas e en que emisoras podemos escoitar o programa? Escoitase tamén fóra de Galicia?

Aparte de ivoox ou archive.org, o programa compárteno as emisoras da Rede Galega de Radios Libres e Comunitarias (CUAC FM, Rádio FilispiM, Radio Roncudo, Radio Piratona, Radio Neria …), Podgalego, Agora.gal, algunhas municipais como Radio Redondela ou Radio Allariz, A Xente de Teo ou a radio de Pontevedra Viva. Supoño que fóra da Galiza tamén se escoita, pero non investigo nas cifras que saen de conexión desde diferentes lugares.

– Indo un pouco cara as túas orixes, que música escoitabas de rapaz?

Estaba sempre pegado á radio e ía descubrindo emisoras e programas. A diversidade dos 80 colleume dos 8 ao 18 aniños, para te faceres unha idea. Se me pides nomes favoritos daquela e que seguen a selo son Radio Futura, 091, The Cure, The Smiths, Talking Heads, El Último de la Fila, The Clash, Golpes Bajos, The Kinks, Siniestro Total, Bob Marley and The Wailers, La Polla Records …

– Cales foron os primeiros grupos de música galega que te marcaron?

Os Resentidos, Os Diplomáticos de Monte Alto, Fuxan os Ventos, Berrogüetto, Os Cempés…

– Como viviches o bravú?

Coincidiume coa carreira e non escoitaba a Radio Galega nin vía o Xabarín Club, onde soaban esas músicas. Engancheime xa ao debut dos Diplomáticos, que collín para gravar dunha tenda de alugueiro de CDs a carón da estación de buses da Coruña. A outras bandas cheguei, aínda que non o consumía moito. Realmente non o vivín moi de preto pois pouco concerteaba daquela, pero había cousas que me prestaban, como os Skornabois.

– Sei que pateas moitas salas, cales son as túas favoritas da nosa provincia?

Cada unha cos seus sinais de identidade pois a Sala Mardigras, a Capitol, a Garufa, Casa das Crechas, a Pousada da Galiza Imaxinaria … e lembro grandes momentos nas desaparecidas Super 8 en Ferrol ou Dzine en San Sadurniño. Houbo un tempo no que quería viaxar polo país e facer minireportaxes sobre as salas, pero isto é altruísta e a vida e os cartos repártense entre máis actividades.

– Un concerto de bandas galegas que recordes con especial cariño?

Houbo unha noite nas Festas de Ferrol de 1999 cun cartel top: Os Cempés, Berrogüetto e Leilía. Destes dous últimos lembro as xiras de despedida, así como a de The Homens; presentacións de Caamaño e Ameixeiras, Dios Ke Te Crew ou Mondra na Capitol, a xira Síntese Horizonte de Guadi Galego, Mercedes Peón, Uxía e Narf, Lamatumbá, Tanxugueiras no Coliseum … e en especial moitos con pouco público de artistas que despois creceron. E todos os que organicei, claro.

– Que festivais da Costa da Morte ou da Coruña practicas?

Cada vez son menos de festivais, a verdade, por todo no que se converteron. Por non me estender, digamos que unha diversidade mal entendida. Son fiel, iso si, ao Jazz de Ría ou Felipop, a cousas do Noroeste e podo deixarme caer por calquera que tire máis polo encanto e a curiosidade que por vender billetes.

– Que bandas da Coruña, e tamén da Costa da Morte, destacarías?

Costa da Morte e área da Coruña? Belem Tajes, Caamaño e Ameixeiras, Antía Muíño, Zavala, Orquestra Bravú Xangai… Faltaranme por coñecer moitas porque, malia ser comunicador, boto en falla comunicación e correos de presentación de moitas bandas. É o que ten non ser influencer ou colaborar en medios con nome.

Pepe Cunha con Xurxo Souto
Pepe Cunha con Xurxo Souto

– Que bandas cres que o van petar en 2025?

Se falamos de petar como mover xente a concertos pois imaxino que, como sempre pasou, as que teñan produtoras que se movan ben no momento e se asocien aos medios de influencia. Coas posibilidades que ofrece a difusión pola Internet hai máis seguidismo ca nunca, parece mentira. Pero si, teño nomes na cabeza e van sacar disco neste 2025, mais prefiro aproveitar para mencionar outros que me gustaría recibisen máis atención: Carabela, Zavala, Monboi, Carmela, Mocho Gris, Hugo Guezeta, A Pedreira, Anxo Araújo, Caldo, Sun Iou, Resaka Emocional …

– Como se consegue ese respecto do tecido musiqueiro galego?

O que se opine de min será unha mestura de factores así que pódoche dicir o que creo que ofrezo: respecto ao traballo das artistas, atención, curiosidade, constancia, perspectiva, independencia, diversidade.

– Que significou para ti os Premios Martín Códax da Música ao mellor Espazo de Comunicación Musical en 2016 e 2018?

Pois un apoio moral ben grande porque hai momentos que chega a ser canso facer isto só, cos medios mínimos, no tempo do lecer, e compensa o feito de os medios públicos e subvencionados non me fagan un oco ou me teñan sinalado polo meu compromiso, vai ti saber. Un xute de ánimo e visibilidade, que é a intención destes premios.

– As bandas galegas enchen salas e pavillóns en Galicia, pero tamén en Madrid e no resto de Europa. Cres que a música galega está no seu mellor momento da historia?

Pois paréceme moito dicir, porque houbo outros momentos bos, puntuais tamén. Porén, que se vivimos un momento de moda, repercusión, visualización necesario? Sen dúbida. Que hai unha diversidade que non houbo noutros tempos? Tamén.

– Cres que está chegando á xente máis nova??

Si, grazas a propostas como Tanxugueiras, Mondra ou Fillas de Cassandra, como pasou no seu momento con Sés, pero segue a predominar esa porcentaxe moi alta de militancia para coa lingua. O que temo é que quede nunha moda, nalgo pasaxeiro, con moita oferta de tradicional máis electrónica. Ademais compártense sobre todo contidos simples, mesmo competitivos e se incide no que máis gusta xa en troques de aproveitar o tirón para situar o foco na calidade e a diversidade.

pepe Cunha coas Fillas de Cassandra
pepe Cunha coas Fillas de Cassandra

– Que poden facer as administración para promocionar a nosa música?

Opino desde fóra, que eu non traballo para ningún medio ou produtora/promotora. Cómpre que a CRTVG cumpra co servizo que debe dar, que se tomen medidas para consolidar e mellorar o que hai, e iso faise desde abaixo, escoitando as necesidades do sector. O de subvencionar para inflar cachés a quen se move mellor, pois non. Ademais de que non poden tocar só e en case todos lados os 4 e 5 nomes de moda no momento. Se hai cartos públicos, ten que haber unha cota de artistas do país e con condicións dignas.

 

Máis novas

A artista coruñesa XA’LUM lanza Beiriña, o seu novo sinxelo

Amoebo lanza “Unha foto”, o seu novo sinxelo

ÚLTIMAS

A circulación de trens entre o porto exterior da Coruña e o Eixo Atlántico estará en marcha en 2027

O ministro de Transportes e Mobilidade Sustentable, Óscar Puente, fixou "no horizonte de 2027"...

Os Marines, 5 anos rompendo barreiras e facendo gozar do deporte a xentes con discapacidade

Se hai unha historia de inclusión na nosa cidade, esa é a dos Marines....

A Escola da Bici segue formando ciclousuarios

Anuncia estes días o Concello a súa colaboración coa asociación Mobi-liza para o desenvolvemento...

Retencións na saída da Coruña polo atropelo dun camión a un cabalo

Un camión atropelou este luns a un cabalo nos accesos da Coruña, o que...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here