Continúa mobilizándose o colectivo sanitario da Coruña en apoio ao enfermeiro e garda agredidos o pasado luns esixindo melloras en materia de seguridade.
Despois da masiva concentración do martes, a Comisión de Centro do CHUAC convocaba unha nova manifestación, con posterior asemblea. E desta volta si que houbo un gran colapso pola cantidade de facultativos presentes. I é que o regueiro de ameazas e agresións que sofre o colectivo, a meirande parte das veces en silencio, dos últimos tempos é continuo.
Con arengas de “Verdes dimisión” (en relación ao xefe de Área sanitaria) e pancartas de “Dignidade para os pacientes”, “Queremos traballar seguras” e “Todos somos Isma”, en relación ao compañeiro agredido, o colectivo demostrou sentirse orfo en materia de seguridade.
A situación chegou a tensarse cando un grupo de sanitari@s intentaron entrar en Dirección, que estaba custodiada por antidisturbios, e segundo o colectivo sanitario, unha enfermeira foi empurrada por un axente.
Que piden
@s sanitari@s aseguran “seguir descoñecendo os protocolos específicos de actuación e seguridade fronte a doentes potencialmente agresivos pese a ser solicitados polas/os delegadas/os de prevención de riscos en reunión extraordinaria do Comité de Seguridade e Saúde no día de onte”.
Critican que onte a Xerencia presentou un “protocolo de actuación en urxencias psiquiátricas” do 2012, do que o persoal non tiña coñecemento, como quedou de manifesto no comité de seguridade e saúde.
Deste xeito, a Comisión esixe aplicación de medidas sen máis demora ante a situación de desprotección na que se atopa o persoal do Complexo para minimizar os riscos ás que están sometidos, tales coma:
- Implantación inmediata dos protocolos de actuación e seguridade para todas/os as/os profesionais.
- Circuítos de atención definidos,
- Incremento das presencias e equipos de seguridade, E
- Espazos adecuados de atención ás/ós doentes de perfil agresivo en urxencias,
- Incremento da capacidade da unidade de agudos,
- Profesionais especialistas suficientes para dar cobertura as necesidades da poboación da Coruña…
PROTESTAS TAMÉN EN PROSEGUR
Pola súa banda, os sindicatos CCOO, UGT, USO e CIG reclamaron a Prosegur, concesionaria da seguridade e vixilancia do Chuac, información e máis coordinación. Segundo trasladan a Europa Press fontes de Comisiones Obreiras, este xoves pola mañá celebrouse unha reunión entre a empresa e as centrais para avaliar a resposta ante este incidente. Polo momento, a medida xa adoptada foi o reforzo da seguridade en urxencias.
Singularimente, CCOO rexistrou dous escritos, ante o Servizo Galego de Saúde (Sergas) e Prosegur, para solicitar un maior intercambio de información sobre riscos e medidas preventivas no Chuac, máis formación do persoal e un plan de coordinación. Durante a reunión, sinalan fontes sindicais, a empresa deuse 15 días para remitir a documentación. “En principio hai boa vontade”, destaca CCOO.
Con todo, esta central sinala que xa levan esixindo “melloras” nas súas condicións “desde fai dez anos”. E é que “non hai apuñalamentos todas as quendas”, pero practicamente “en todas as quendas” se teñen que exercer contencións e apoios na seguridade. Prosegur encárgase do servizo de seguridade do Chuac e de toda a área sanitaria da Coruña-Cee desde o verán pasado, cando lle gañou a nova adxudicación a Eulen, anterior concesionaria. Isto supuxo a subrogación de máis de 70 traballadores.
As fontes sindicais consultadas non están moi conformes co cambio de empresa. “Aínda nos estamos coñecendo”, aseguran, á vez que recoñecen que o diálogo con Eulen era “bastante máis fluído”. Así mesmo, destacan a diferenza de medios cos vixiantes doutros hospitais. Mentres que no da Coruña contan con chalecos anticortes “limitados”, no de Santiago teñen un por traballador e, mesmo, un espray de defensa que no Chuac non lles permiten.
Máis novas
O persoal sanitario concéntrase no CHUAC en apoio aos dous agredidos e esixindo máis seguridade