Este venres 1 de agosto darán comezo as Festas de María Pita 2025 co pregón de Rosa Cedrón dende o palco do Concello, ás 21:00h, e a música de Baiuca (a parir das 22:00h) na praza de María Pita.
Coruñesa de adopción, comezou a súa carreira como violonchelista, pero acadou gran recoñecemento como vocalista do grupo Luar na Lubre, conxunto co que colaborou durante varios anos, popularizando grandes himnos de música tradicional galega. Posteriormente iniciou unha carreira en solitario, combinando sons folk, pop e canción de autor.
Pola súa parte, o proxecto musical liderado por Alejandro Guillán, continúa a revolucionar a escena sonora galega e internacional coa súa fusión única de tradición e vangarda.
Apertura da Feira do Libro, Mostrart e a mostra de carteis históricos das Festas de María Pita
Hoxe tamén botan a andar a Feira do Libro, a mostra de artesanía Mostrart e a mostra ‘As Festas de María Pita a través dos seus carteis’.
Baixo o lema ‘Onde florecen os libros’, este 1 de agosto botou a andar a Feira do Libro nos xardíns de Méndez Núñez. Serán un total de 36 librarías e editoriais as presentes nesta edición, que ofrecerán un 10% de desconto en todos os libros ata o 10 de agosto, en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.30 a 21.30 horas. A Feira do Libro comezará co pregón da escritora e música, Lucía Aldao.
Por outra banda, un ano máis, a feira de artesanía máis importante de Galicia, Mostrart, regresa aos xardíns de Méndez Núñez, reunindo aos mellores artesáns e artesás do 1 ao 31 de agosto. En Mostrart 2025 participarán máis de 60 obradoiros artesáns, organizados en diferentes quendas de participación ao longo do mes, cun total de 43 casetas. Desta representación, 51 artesáns proceden de Galicia e 11 doutras comunidades autónomas,
consolidando así o carácter diverso e de calidade da feira.
Lucía Aldao abriu a Feira do Libro cun pregón lúcido e combativo
Dispositivo especial de transportes
Haberá un dispositivo especial de transporte urbano durante as Noites de María Pita, os días 1, 2, 3, 4, 5, 10, 11, 12, 13, 14, 15, 17 e 25 de agosto. Haberá saídas desde Porta Real a partir das 00.00 horas, hora prevista da finalización dos concertos. O dispositivo consistirá nunha liña identificada como 1 que dará cobertura ás zonas da Palloza, Gaiteira, Os Castros, Castrillón e Avda. de Monelos, unha liña identificada como 1A para as zonas de Catro Camiños, Salvador de Madariaga, Matogrande e Eirís, unha liña identificada como 3 que dará servizo ás zonas de Durmideiras e Monte Alto, unha liña identificada como 3A que dará servizo ás zonas de Labañou e Os Rosales, unha liña identificada como 6 que saíndo de Porta Real e que entrará por Juana de Vega á Praza de Pontevedra, Avda. de Fisterra, Ventorrillo e Meicende, unha liña identificada como 7 que saíndo de Porta Real entrará por Juana de Vega para dar servizo ás zonas de Peruleiro, Rolda de Outeiro, Ventorrillo e Vila de Negreira, unha liña identificada como 11 que saíndo de Porta Real pasará por Juana de Vega, Praza de Pontevedra, Juan Flórez, Pla y Cancela e Os Mallos, unha liña identificada como 21 para dar cobertura a Ramón y Cajal, Pablo Picasso, Birloque e Novo Mesoiro.
Por outra banda, a partir da 00:05 horas entrará en servizo un servizo nocturno, no sentido inverso ao habitual, Porta Real – Os Castros – Castrillón – Monelos – Eiris – Palavea – Rolda de Outeiro. A partir da 00:30 horas entrará en servizo outro servizo nocturno, no sentido de circulación habitual Labañou – Rolda de Outeiro – Birloque – Novo Mesoiro.